O turismo recupera datos do 2019
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou sobre o número de visitantes que chegaron a Lugo durante os primeiros meses do ano. Maite Ferreiro destacou que “o sector turístico continúa a súa recuperación e no concello de Lugo estamos preto de chegar ás cifras do 2019 en número de visitantes”.
A Oficina Municipal de Turismo atendeu nos primeiros 20 días de agosto a 7442 persoas. Durante todo o mes de agosto do ano 2019, o total de persoas atendidas na Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo ascendeu a 10195. Maite Ferreiro explicou que “malia que descendeu o número de visitantes procedentes de outros países, o número de turistas que se achegan desrde outras partes do estado aumentou notablemente”. “Lugo estase posicionando como un destino estratéxico para o turismo na Galiza, un dos obxectivos das campañas turísticas que puxemos en marcha nestes anos”, afirmou a edil de Turismo.
Entre os visitantes que se achegaron á Oficina Municipal de Turismo durante este verán destacan os procedentes de Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais.