O Urbán Miúdo transforma o Fuxan Os Ventos nun punto de encontro para o deporte e a arte urbana

LugoXa
A iniciativa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo reuniu durante a tarde a decenas de rapazas e rapaces en actividades deportivas e creativas nun entorno seguro e motivador
Urbán-Miúdo-Lugo
30 Dec 2025

O Fuxan Os Ventos converteuse nun espazo dedicado ao deporte e á expresión artística urbana coa celebración do Urbán Miúdo, unha proposta impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo pensada para achegar estas disciplinas á rapazada nun ambiente seguro, creativo e estimulante.

Decenas de nenas e nenos participaron nas diferentes actividades programadas, deseñadas para fomentar a práctica deportiva e a creatividade a través de linguaxes urbanas.

O recinto acolleu zonas específicas para a práctica de skate, parkour, breakdance e street football, todas elas guiadas por monitores e monitoras especialistas, así como diversos obradoiros de carácter artístico e musical centrados no traballo como DJ, no beatbox e na estampación de gorras, completando unha oferta pensada para combinar movemento, música e creación.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Álex Penas, achegáronse ao recinto para coñecer de primeira man o desenvolvemento dunha xornada con actividade continuada desde as 16 horas, facilitando a participación da rapazada nos distintos espazos e obradoiros habilitados.

⚙ Configurar cookies
0.096503973007202