O V Celme de Zanfona reúne en Lugo intérpretes, artesáns e investigadores

O V Celme de Zanfona celebra esta fin de semana en Lugo unha nova edición que reunirá intérpretes, artesáns e persoas dedicadas ao estudo deste instrumento de orixe medieval, recuperado para a música tradicional en boa medida grazas ao traballo desenvolvido no obradoiro de instrumentos da Deputación de Lugo.
Tras o acto inaugural, o programa comezou coa primeira sesión de canto impartida por Branca Villares, quen explicou ao alumnado a relación entre as músicas tradicionais actuais e as de época medieval, e coa actuación de Martín Blanes, encargado de abrir o ciclo de concertos previstos.
A programación continuará durante toda a fin de semana con relatorios a cargo de Xoan Ramiro Cuba e Pablo Quintana, que analizarán as contribucións de figuras como Antonio Fernández, Faustino Santalices, Paulino Pérez, Jesús Pérez, Amadeo Goyanes ou Guillermo Fernández á revitalización da zanfona en Galicia nas décadas de 1970 e 1980. Ademais, proxectarase o documental A cega de Miranda, de Ricardo Polín, centrado na evolución dos roles sociais vinculados a este instrumento.
Os concertos desta edición completarán a oferta musical: o grupo Cantometrics actuará o sábado ás 20.30 horas, mentres que Abel Oliveira Miranda ofrecerá o concerto de clausura o domingo ás 12.30 horas.