O veciños de Antas saen á rúa para demandar que se cubra a vacante de médico

LugoXa
A alcaldesa convocou a todos os veciños e veciñas do concello á unha concentración diante do centro médico
Imaxe recurso de médicos
4 Xul 2024

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, demandoulle por carta ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, “que cubra a praza do médico xubilado no centro de saúde”, ademais de pedirlle información “sobre a construción do novo centro de saúde comprometido pola Xunta de Galicia”.

A carta enviouse o pasado 21 de xuño e, ante a ausencia de resposta, a alcaldesa convocou a todos os veciños e veciñas do Concello á unha concentración diante do centro médico o vindeiro mércores día 10 de xullo, ás 12.00 horas, para esixir que se cubra a vacante por xubilación do médico, ”xa que coa saúde non se pode xogar”, sostén.

Na carta, a alcaldesa demándalle ao conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, “a súa urxente intervención nun asunto de vital importancia, xa que esta ausencia dun profesional sanitario está a xerar serias dificultades para prestar a atención médica necesaria, especialmente aos nosos maiores, que requiren unha atención constante e especializada”.

Actualmente a doutora que atende o centro de atención primaria “traballa pola mañá e varios días á semana reforza con traballo tamén en xornada de tarde, unha tarefa que supón un esforzo e compromiso profesional e persoal do que en nome das veciñas e veciños trasládolle un sincero recoñecemento que poño no seu coñecemento”, engade Pilar García Porto no texto.

Este feito, contar cunha única doutora, “xa ocasionou que a nosa veciñanza quedara sen atención médica no seu centro, e esta situación verase agravada nos períodos de vacacións ou de ausencia por calquera outro motivo da doutora”. Por iso, “pídolle que considere cubrir inmediatamente a praza vacante e que nos facilite os detalles sobre a marcha do novo centro de saúde”, remata García Porto.

0.20734906196594