Os veciños de Nadela mobilízanse ante unha problemática de fumes
Veciños de Nadela, Santa Comba e San Xoán da Pena mobilizáronse esta fin de semana ante a problemática do fume na cidade de Lugo e os seus arredores.
Na concentración, que tivo lugar diante da de Tableros Hispanos, reivindicouse "o dereito dos veciños á calidade de vida e a protección da súa saúde ante unha situación de fumes".
Os veciños reclaman ás administracións competentes que "fagan porque se cumpran as medidas medioambientais vixentes". "Respectando ditas normativas, a calidade do aire melloraría substancialmente en toda a cidade de Lugo e, especialmente, na zona de Nadela, onde mais se están a sufrir estes fumes"
Diferentes membos do BNG asistiron tamén á concentración e Rubén Arroxo afirmou que “desde o BNG mantivemos xuntanzas coa Asociación de Veciños do Vilar, residentes a menos dun quilómetro da fábrica, que desde hai anos veñen denunciando os altos niveis de ruídos e as emisións de fumes que padecen nas súas vivendas”.
A asociación veciñal afirma que a contaminación do aire producida polas emisións de Tableros Hispanos estalles a producir graves molestias de saúde, entre as que se atopan inflamacións nos ollos e nas vías respiratorias. Desde o BNG recóllense as reclamacións da Asociación de Veciños do Vilar cara a Xunta de Galiza, reclamando a instalación dunha estación de control da calidade do aire, e a medición diaria das partículas PM10 e PM2,5 por parte da propia administración.
“É preciso que a empresa cumpra coas medidas de control marcadas pola normativa ambiental e que o Goberno Galego garanta o benestar da veciñanza”, afirmou Arroxo, que anunciou que o BNG rexistrará iniciativas no Parlamento de Galiza “para que o Goberno de Galiza informe á veciñanza dos avances feitos no control das emisións desta instalación”.
.