O Vello Cárcere acolle a exposición ‘A rúa como espello: unha ollada á alma urbana’

O Vello Cárcere de Lugo abriu as portas da exposición A rúa como espello: unha ollada á alma urbana, unha proposta que reúne 40 fotografías contemporáneas realizadas polas e polos integrantes do colectivo Ruando.
A iniciativa xorde do corazón da cidade, entre pasos anónimos, miradas fugaces e escenas cotiás que, a través da sensibilidade dos fotógrafos, se converten en relatos visuais cargados de forza, emoción e significado.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada pola deputada provincial Iria Castro, convidou á cidadanía a achegarse a esta mostra, que permanecerá aberta ao público ata o 30 de novembro. “Trátase dunha nova oportunidade para coñecer Lugo desde outro punto de vista, a través das imaxes captadas polas persoas que forman parte deste colectivo”, sinalou Ferreiro.
O colectivo Ruando constitúese como unha comunidade de fotógrafas e fotógrafos, tanto profesionais como afeccionados, interesados na fotografía de rúa. Cun fin exclusivamente didáctico e sen ánimo de lucro, busca ofrecer ferramentas para o aprendizaxe deste xénero, ademais de servir como espazo de socialización para compartir experiencias e obras vinculadas á fotografía rueira.
A fotografía de rúa, considerada unha vertente da fotografía documental, procura retratar momentos espontáneos en espazos públicos. Non hai actores, nin guións nin montaxe, só a vida en estado puro: crúa, auténtica e, ás veces, sorprendentemente poética. Este xénero vai máis alá da técnica, pois require observación, intuición e respecto, a capacidade de mirar onde outros non ven, anticiparse ao instante e inmortalizar un momento irrepetible.