O Vello Cárcere acolle a exposición ‘Arte e meditación’ da artista Blanca Cenalmor

LugoXa
Esta mostra ofrece unha experiencia visual e emocional única e estará aberta ao público ata o 31 de xaneiro do 2025
exposición-Arte-e-meditación-da-artista-Blanca-Cenalmor-O-Vello-Cárcere
2 Jan 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou no Vello Cárcere a exposición ‘Arte e meditación’ da artista Blanca Cenalmor.

Esta mostra ofrece unha experiencia visual e emocional única e estará aberta ao público ata o 31 de xaneiro do 2025 no espazo das celas dos homes na planta baixa.

Ferreiro indicou que este traballo "é unha invitación a desconectar do ruído diario e mergullarse nunha experiencia sensorial que combina arte, natureza e reflexión". Blanca Cenalmor, explica a concelleira, consegue transmitir a través das súas creacións a importancia de vivir o momento presente e a beleza das cores que nos rodean.

A edil de Cultura destacou a "relevancia de contar con proxectos coma este no Vello Cárcere, que consolidan este espazo como un referente cultural para a cidade de Lugo e para o resto do territorio".

A mostra está concibida como unha viaxe introspectiva onde os visitantes poden conectar cos seus sentidos e experimentar unha sensación de calma e alegría. "Refrescándote coas cores que atopamos a diario na natureza e para que experimentes un baño de calma e alegría no teu paseo por este espazo", indicou a propia artista.

Blanca Cenalmor, licenciada en Dirección e Administración de Empresas, atopou na arte unha compañeira fiel desde a escola. Co paso do tempo, a arte foi collendo peso na súa vida, desenrolándose e fluíndo dunha forma marabillosa. Nas súas obras, sé sorprende a si mesma cando, ao finalizalas, descobre elementos e cores que non planeara.

Practica moito a contemplación da natureza e o reino animal, recoñecendo nestes mundos a verdadeira inspiración para encher o seu traballo de sentido e transmitir calma, compañía, vida, frescura, relaxación e alegría.

0.17155385017395