O Vello Cárcere acolle a exposición ‘Galaica’ de Diego Beyró e un ciclo de cine arxentino-uruguaio

O Centro Cultural do Vello Cárcere inaugurou a exposición Galaica, do artista Diego Beyró, e da man da Asociación Rioplatenses de Lugo, unha mostra que chega a Lugo despois da súa presentación en Ourense e que reúne pinturas, debuxos e obras inéditas inspiradas nas experiencias do creador durante diferentes rutas do Camiño de Santiago.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participou no acto de apertura e destacou a conexión da mostra coa tradición milenaria do Camiño e coa creación contemporánea.
Galaica presenta interpretacións visuais das paisaxes, atmosferas e emocións vividas polo artista en peregrinacións polo Camiño Francés, o Portugués, o do Norte e a Vía da Prata. A partir da fotografía, Beyró constrúe unha memoria nova que transcende a imaxe documental para converterse nunha topografía de xesto e materia, evocando tamén a procura espiritual dos pobos celtas cara ao último sol de Fisterra. A exposición permanecerá aberta nas próximas semanas, convidando o público a unha dobre viaxe: recoñecer a paisaxe a distancia e perderse na materialidade da obra.
No marco deste mesmo programa cultural, o Vello Cárcere acollerá do 15 ao 19 de setembro, ás 19:30 horas, un ciclo de cine arxentino e uruguaio con entrada libre. As proxeccións comezarán co filme Un oso rojo (Arxentina) e contarán coa presenza da cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, Silvina Montenegro. O ciclo continuará con La noche de 12 años (Uruguai), Lluvia (Arxentina), Martín (Hache) (Arxentina) e pechará con Migas de pan (Uruguai), nun acto no que participará o cónsul xeral da República Oriental do Uruguai en Santiago de Compostela, Ramiro Rodríguez Bausero.
Segundo subliñou Ferreiro, esta programación aposta por tender pontes culturais entre Galicia, Arxentina e Uruguai, reforzando os lazos históricos que unen estes territorios.