O Vello Cárcere acolle a exposición ‘Olladas #EMPC. Olladas #INSITU’, unha reflexión sobre o patrimonio cultural

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, inaugurou no espazo expositivo do Vello Cárcere a mostra ‘Olladas #EMPC. Olladas #INSITU’, unha exposición que recolle a traxectoria dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (#EMPC), organizados polo Consello da Cultura Galega entre os anos 2015 e 2023.
A mostra fai un percorrido por 15 dos 42 encontros desenvolvidos ao longo de oito anos, nos que participaron máis de 180 especialistas e aos que asistiron preto de 2.000 persoas. Estes encontros consolidáronse como un espazo clave para o diálogo, a reflexión e a posta en valor do patrimonio cultural galego e do norte de Portugal, destacando pola súa transversalidade disciplinar, temática e social.
Durante o acto de inauguración, Iria Buide subliñou a importancia de achegar á cidadanía proxectos coma este: “Recoñecemos o valor do patrimonio como espello da nosa identidade e celebramos o traballo colectivo de todas as persoas e entidades que fan posible que a cultura galega siga viva, diversa e participativa”.
A concelleira tamén salientou o compromiso da Tenencia de Alcaldía coa defensa e difusión do patrimonio cultural, así como coa protección dos espazos con memoria. “O Vello Cárcere é hoxe un lugar de encontro, de recordo e de futuro. Esta mostra encaixa á perfección co espírito deste espazo: reflexionar sobre quen somos e cara onde queremos ir como sociedade”, afirmou.
A exposición estrutúrase arredor de cinco eixos temáticos que sintetizan as experiencias dos encontros: a divulgación e o patrimonio; a vida nos espazos urbanos con historia; as novas olladas técnicas; os conflitos arredor do patrimonio; e o papel da cidadanía na súa construción e defensa.