O Vello Cárcere acolle a exposición “Paseando cariñosas alimañas” dedicada a Paco Pestana

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada da deputada provincial Iria Castro, inaugurou no Vello Cárcere a exposición “Paseando cariñosas alimañas”, unha mostra dedicada a Paco Pestana que pretende poñer en valor o papel fundamental do escultor e creador lucense na plástica galega contemporánea.
A exposición propón un percorrido polo proxecto artístico e vital de Pestana a través dunha selección de pezas procedentes do seu propio taller, o espazo máis íntimo e representativo do seu proceso creativo.
Durante a inauguración, Maite Ferreiro convidou á veciñanza a achegarse ao Vello Cárcere para descubrir esta nova mostra, que permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro, e destacou que “é unha nova oportunidade para coñecer a obra de Paco Pestana, con obras que foron analizadas por múltiples especialistas en arte”.
A exposición posúe unha connotación especial, xa que foi neste mesmo entorno onde o artista realizou, nos anos setenta, unha das súas primeiras intervencións ao aire libre, iniciando así a súa traxectoria.
Co paso do tempo, Paco Pestana deixou unha fonda pegada na cidade de Lugo a través de distintas creacións repartidas por espazos emblemáticos, como a escultura de homenaxe ao motociclista López Mella no Parque de Frigsa, Sebastián Alanceado na Praza Roxa de Fingoi, ou as pezas situadas no Carril dos Indios, en Lamas de Prado e nos xardíns do Museo Provincial.
Tamén destaca a súa intervención poética na estación de autobuses de Lugo, unha singular proposta de arte urbana que reflicte a súa visión libre e irreverente da creación.