O Vello Cárcere acolle a exposición “Somos pobo feito en Nós” da artista Andrea Prado Rielo

O Vello Cárcere abriu as portas á exposición 'Somos pobo feito en Nós', da artista lucense Andrea Prado Rielo, que permanecerá nas celas de homes da planta baixa entre o 13 de setembro e o 13 de outubro.
A proposta nace das grellas dos escenarios, entre luces, suor e compromiso, para poñer en valor ás persoas que fan cultura e a súa capacidade de manter viva a identidade colectiva do pobo galego.
A mostra reivindica a filosofía do “faino ti mesma”, asumindo o erro, a mancha e o azar como símbolos dunha pluralidade que conforma a sociedade. Cada imaxe preséntase como un acto de resistencia, un recordatorio de que en Galicia a música e a arte seguen sendo salvavidas culturais e espazos comúns de emoción compartida. Cunha estética punk, directa e crúa, o proxecto eríxese como un canto identitario e un recoñecemento ás persoas artistas que manteñen viva a nosa cultura.
En paralelo, pode visitarse ata o 30 de setembro a exposición 'As cores do respecto' de Le Magic Mayimba, obra de Pablo del Valle, instalada nas celas de mulleres da segunda planta. Esta proposta artística céntrase na loita contra o racismo e na posta en valor da diversidade a través de retratos que incorporan símbolos da cultura africana e cores inspiradas nas vestimentas e na bandeira panafricana.
Ambas mostras foron inauguradas esta mañá pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, quen destacou a importancia do Vello Cárcere como espazo de memoria, cultura e transformación social, convidando á veciñanza a achegarse ás exposicións.