O Vello Cárcere acolle a homenaxe a todas as persoas represaliadas polo franquismo

O Vello Cárcere de Lugo foi escenario da homenaxe institucional organizada polo Concello e a Deputación co gallo do Día da Galiza Mártir, dedicada a todas as persoas represaliadas polo franquismo.
Durante o acto, Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, destacou o compromiso do Goberno local de "continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais".
Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda e representante da Fundación que leva o seu nome, leu o manifesto elaborado para a conmemoración, acompañada por Valentín García Bóveda.
A acción pretende avanzar na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, vítima dun proceso xudicial falso en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica do pobo galego.
Efrén Castro, vicepresidente da Deputación e deputado de Memoria Histórica, salientou a importancia de Bóveda como "un símbolo das persoas que loitaron contra o réxime fascista" e afirmou que "as institucións públicas debemos honrar a todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego".
O Concello de Lugo acordara institucionalizar a celebración do Día da Galiza Mártir en febreiro de 2020, realizando o primeiro acto o 17 de agosto dese mesmo ano. Esta conmemoración lembra que a primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidos xurídica e politicamente foi co Estatuto de Autonomía aprobado o 28 de xuño de 1936, dentro da II República Española. Poucas semanas despois, a sublevación dun segmento das forzas armadas, apoiada por sectores fascistas, deu lugar á represión e ao asasinato de milleiros de persoas, entre elas Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira o 17 de agosto de 1936, quen Castelao inmortalizou como símbolo das vítimas da represión en Galicia.