O Vello Cárcere acolle a presentación de 'Perder o norte', Premio Illa Nova de Narrativa 2025

O Auditorio do Vello Cárcere de Lugo será o escenario, este venres 2 de xaneiro ás 20.00 horas, da presentación de Perder o norte, a novela coa que María Quiroga se fixo co Premio Illa Nova de Narrativa 2025. O acto contará coa participación da autora e do escritor Brais Lamela, que a acompañará nesta cita literaria aberta ao público.
A obra propón unha viaxe intensa polos territorios da perda e da memoria a partir da morte inesperada dunha persoa querida, un suceso que actúa como detonante dun proceso de introspección marcado polos recordos que regresan, as palabras que quedaron sen dicir, os encontros adiados e a culpa que aparece de forma inevitable. A narración constrúese tamén a través dunha viaxe en bicicleta, un percorrido físico que serve para ordenar os pensamentos e para propiciar un tempo de soidade no que a protagonista busca reconectar consigo mesma.
Ao longo do camiño, xorden conversas con persoas descoñecidas que percorren o Camiño de Santiago cargando as súas propias historias vitais, nun diálogo constante entre experiencias alleas e emocións propias. O movemento, o rodar continuo e a presenza da auga salgada do mar funcionan como elementos de catarse nun relato que se presenta como unha travesía poderosa tanto no plano emocional como no xeográfico.