O Vello Cárcere acolle a presentación do libro 'El arte de caminar y el placer de sentir'

O martes, 18 de marzo, ás 19.00 horas, o patio central de O Vello Cárcere será o escenario da presentación do libro El arte de caminar y el placer de sentir, obra do lucense José Manuel Espiño Meilán, residente nas Illas Canarias.
A través desta obra, o autor invita a mergullarse nun percorrido emocional e sensorial polo litoral de Telde (Gran Canaria), propoñendo unha experiencia literaria que conecta a natureza coa emoción de camiñar e sentir cada paso.
Espiño Meilán, formado en Maxisterio en Lugo, especializouse en Ciencias da Natureza, e desde 1977 exerce como docente en Las Palmas, onde desenvolveu unha destacada traxectoria como divulgador naturalista. Pioneiro na integración de educación e medio ambiente no arquipélago, consolidouse como referente na divulgación da riqueza natural das Illas Canarias, tanto no ámbito educativo como a través de conferencias, xornadas e encontros culturais.
Ao longo da súa carreira, o autor mantivo un forte vínculo con Galicia, onde continúa pasando longas tempadas cada ano e que tamén está presente nas súas reflexións e vivencias.
Entre as súas numerosas contribucións, destaca a fundación do colectivo naturalista TURCÓN, do que é presidente de honra, e co que impulsou múltiples actividades relacionadas coa defensa da natureza: publicacións, investigacións, viaxes, campañas de repoboación, accións reivindicativas, limpezas ambientais e acampadas formativas.
El arte de caminar y el placer de sentir é, segundo o propio autor, unha chamada á contemplación da natureza dende o pracer de camiñar e sentir o entorno, un relato íntimo e comprometido coa paisaxe, a historia e a vida que rodea o litoral grancanario.
A presentación está aberta ao público e promete ser un encontro especial entre literatura, natureza e emoción.