O Vello Cárcere acolle unha homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo

LugoXa
O Vello Cárcere acolleu unha homenaxe institucional a todas as persoas represaliadas polo franquismo organizada polo concello e a deputación de Lugo polo día da Galicia Mártir.
Homenaxe Galicia Martir
17 Ago 2023

O Vello Cárcere acolleu unha homenaxe institucional a todas as persoas represaliadas polo franquismo organizada polo concello e a deputación de Lugo polo día da Galicia Mártir. No acto Maite Ferreiro destacou o compromiso do Goberno de Lugo para "continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais". Durante o acto, Maite Ferreiro leu o manifesto elaborado pola fundación Alexandre Bóveda para o día da Galiza Mártir de 2023.

Con esta acción desde o Concello e a Deputación de Lugo preténdese dar un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do pobo galego.

O Vicepresidente da Deputación e deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, e destacou a figura de Alexandre Bóveda como "un símbolo de todas as persoas que loitaron contra o réxime fascista". Segundo Efrén Castro, "as institucións públicas debemos honrar a todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego".

O Concello de Lugo acordou institucionalizar a celebración do Día da Galiciaa Mártir en febreiro do ano 2020, e desde a área de Cultura realizouse a primeira homenaxe o 17 de agosto nese ano.

Maite Ferreiro criticou que, a pesar das peticións de oficializar esta homenaxe a todas as persoas que sufriron a represión franquista, ”a Xunta do Partido Popular non deu aínda o paso”.

Día da Galiciaa Martir

A primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e politicamente foi dentro do marco constitucional da IIª República Española, coa abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía galego o 28 de Xuño de 1936.

Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIª República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas en Febreiro do mesmo ano de 1936, gañadas polo Frente Popular.

Logo desta sublevación anticonstitucional e antidemocrática, milleiros de persoas, foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio, onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galicia e no Estado Español.

Castelao, figura emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum Galicia Mártir a todas as vítimas da represión fascista en Galicia durante a Guerra de España. A máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento político, o libro "Sempre en Galiza", e máis a quen el ergueu á categoría de símbolo de todas no seu discurso Alba de Gloria, foi Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira (Poio) o 17 de Agosto de 1936.

0.16909599304199