O Vello Cárcere acollerá o 29 de outubro o II Recital Perfo-Poético 'Irmás sonoras'
O Vello Cárcere acollerá o vindeiro martes 29 de outubro o II Recital Perfo-Poético 'Irmás sonoras', liderado pola poeta galega Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, un evento que conxugará a palabra, a música e a danza, coa participación das poetas e xornalistas Olalla Cociña e Nieves Neira, a escritora e tradutora Tamara Andrés, así como con Olga Novo e Chus Pato, galardoadas co Premio Nacional de Poesía no 2020 e neste 2024, respectivamente.
Así, a Delegación do Goberno en Galicia visibilizará en Lugo o poder da cultura feminista galega como escudo contra a violencia machista e a procura dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Nesta ocasión, a segunda edición do recital recalará na cidade de Lugo, dando así continuidade a esta cita que “amosa o poder da cultura como axente transformador da sociedade, na procura da igualdade e na loita contra as violencias machistas”. Así o aseguran desde a Delegación do Goberno en Galicia, apostando por dar visibilidade ás creadoras galegas “que van demostrar unha vez máis a calidade e o talento das mulleres desta terra”.
O recital poético forma parte do programa anunciado polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, con máis de 50 actividades distribuídas polas catro provincias galegas con motivo do 25 de novembro.