O Vello Cárcere acolleu o acto organizado pola Delegación do Goberno con motivo do 25N

LugoXa
Este acto, que se celebra por segundo ano consecutivo, conxugou nesta ocasión a palabra, a música e a danza
Irmás-Sonoras-O-Vello-Cárcere-Lugo
29 Out 2024

O Vello Cárcere acolleu o acto organizado pola Delegación do Goberno con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que ademais da subdelegada, Isabel Rodríguez, estivo a alcaldesa, Paula Alvarellos.

Este acto, que se celebra por segundo ano consecutivo, conxugou nesta ocasión a palabra, a música e a danza. A intervención foi deseñada e dirixida pola poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023. Nel participaron as poetas e xornalistas Olalla Cociña e Nieves Neira, a escritora e tradutora Tamara Andrés, así como con Olga Novo e Chus Pato, galardoadas co Premio Nacional de Poesía no 2020 e neste 2024, respectivamente.

As escritoras foron saíndo unha a unha das celdas, que aínda  permanecen simbolicamente no edificio, lendo un fragmento da súa obra sobre a muller, o machismo e as trabas que teñen as vítimas na sociedade. Mentres facían esta intervención, a artista Neves Seara  realizaba unha actuación. O acto rematou coa lectura a unha mesma voz do poema ‘Matria’, dando sentido ao título do acto: ‘Irmás Sonoras’.

Paula Alvarellos fixo fincapé en que “sociedade e administracións temos que ser unha voz única, nunha loita conxunta fronte á violencia machista”, ao tempo que sinalou que “co acto de hoxe a cargo destas poetas de renome, a cultura sirve para dar visibilidade a esta lacra social como unha vía máis para a súa erradicación”.

A rexedora municipal destacou a importancia de “ser unha voz única fronte á violencia de xénero”. Neste sentido, comentou que “ao igual que as voces destas mulleres que hoxe nos acompañan vanse unir nunha única voz, as e os que representamos ás institucións debemos fomentar unha unión maior: dos nosos recursos, económicos e asistenciais; cun maior acento nas campañas divulgativas que dean visibilidade a esta lacra social. Administracións, educadores, pais e nais e os distintos ámbitos da sociedade temos a obriga de ser unha única voz fronte á violencia de xénero”, incidiu.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez falou da necesidade de que “se fale de violencia machista; que se denuncien as agresións e que se apoie ás vítimas desde os poderes públicos” asegurando que “non é o momento de calar”. A subdelegada do Goberno fixo fincapé en este aspecto e insistiu en que “debemos ser nós, as mulleres e os homes que estamos en cargos públicos, as primeiras altofalantes destas denuncias. E máis aínda, debemos ser as primeiras e os primeiros en dar exemplo deste compromiso”.

Finalmente, Paula Alvarellos fixo fincapé na necesidade de “erradicar o negacionismo machista, que se está a facer un perigoso espacio na nosa sociedade; eliminar a brecha salarial para que as mulleres teñan maior independencia económica e liberdade; avanzar en políticas feministas para facilitar unha maior conciliación, e incrementar a atención xurídica, psicolóxica e asistencial que se presta ás mulleres vítimas de violencia de xénero”.

E a alcaldesa de Lugo tamén falou da urxencia e da obrigación de loitar contra a violencia de xénero desde todos os ámbitos da sociedade, tamén desde a cultura con todo o que a poesía pode aportar. “Contamos hoxe con varios premios nacionais de poesía; integrantes da Real Academia Galega; escritoras, xornalistas e poetisas, todas elas de renome, ás que quero agradecer a súa presencia aquí para apoiar esta importante loita e para que as súas voces se fagan oír máis ca nunca”, sinalou Paula Alvarellos, quen rematou desexando “unha sociedade sen sitio para a violencia machista, igualitaria e libre”.

0.2029709815979