O Vello Cárcere convértese no epicentro mundial da análise sensorial co VI Congreso da AEPAS

LugoXa
Baixo o lema 'A fusión dos sentidos e os datos', esta edición do congreso pon o foco na integración entre ciencia e empresa
Congreso-da-Asociación-Estatal-de-Profesionais-da-Análise-Sensorial-Lugo
4 Jun 2025

O Vello Cárcere de Lugo acolle ata o venres 6 de xuño o VI Congreso da Asociación Española de Profesionais da Análise Sensorial (AEPAS), un encontro de referencia internacional que reúne na cidade a máis de 160 especialistas chegados de todo o mundo.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participaron na inauguración desta cita que transforma a cidade nun foro de intercambio de coñecementos sobre calidade alimentaria e innovación.

Durante a apertura oficial, Maite Ferreiro destacou o potencial do sector primario galego na produción de alimentos de alta calidade e agradeceu ao comité organizador —formado por Ángeles Romero, Lourdes Vázquez e Maruxa Quiroga— o seu traballo para “poñer a Lugo no centro mundial desta rama da calidade alimentaria”. Subliñou ademais a importancia de impulsar congresos coma este, que contribúen a situar a cidade como referente no ámbito científico e tecnolóxico.

Baixo o lema A fusión dos sentidos e os datos, esta edición do congreso pon o foco na integración entre ciencia e empresa para dar resposta aos retos que afronta a análise sensorial na actualidade. O programa inclúe relatorios, mesas redondas e espazos de debate nos que se abordarán cuestións como a caracterización dos produtos, a satisfacción das persoas consumidoras ou o impacto da análise de datos e da intelixencia artificial no sector alimentario.

Ao longo destes días, Lugo será o punto de encontro de profesionais e investigadores que traballan para avanzar nun campo científico esencial para garantir a calidade, autenticidade e aceptación dos alimentos, nun contexto cada vez máis complexo e esixente para a industria e a sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.17921996116638