O Vello Cárcere de Lugo acollerá durante dúas semanas unha nova edición das Residencias Paraíso

LugoXa
O programa, impulsado polo Colectivo RPM, bota a andar con dous novos proxectos en proceso: 'Incorpórea', de Suevia Rojo, e 'Ensayo', de Rocío Bello e Javier Hernando
rocio-bello-javier-hernando
29 Jul 2025

A creadora Suevia Rojo e o tándem artístico formado por Rocío Bello & Javier Hernando iniciaron esta mañá no Vello Cárcere de Lugo a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM.

Así, o Vello Cárcere da cidade amurallada acolle, desde hoxe luns, 28 de xullo, e até o domingo, 10 de agosto, a sexta e a séptima destas residencias artísticas de 2025, en torno ás propostas Incorpórea, de Suevia Rojo, e Ensayo, de Rocío Bello & Javier Hernando.

Unha vez finalizadas as súas residencias artísticas, Suevia Rojo e Rocío Bello & Javier Hernando ofrecerán ambas mostras abertas do seus traballos en proceso, que terán lugar no mesmo Vello Cárcere de Lugo, o domingo, 10 de agosto, contra ás 20.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.

Incorpórea pretende retratar a entrada nun corpo que existe non pola súa imaxe, senón por aquilo que é esencialmente interno. É un chamamento a recoñecerse por dentro, de autoinvestigación e autocuestionamento sobre o que fai definirse a un mesmo. Trátase de mirar esencialmente cara dentro, onde as diferentes capas que compoñen a conciencia sobre un mesmo se revelan como mapas vivos de experiencias, desexos e contradicións constantes, sendo a intersección entre o que sentimos e o que pensamos ser.

O corpo deixa de ser só un espazo que contén información e convértese nun lugar de procura. Convértese nun xesto de vulnerabilidade e poder: vulnerabilidade para afrontar os propios abismos; poder para resignificalos. Unha investigación que invita a transformar eses procesos internos en linguaxe corporal, a darlles luz incluso cando intentan ser agochados. Sobre facer visible o que non pode ser visto salvo por un mesmo. Un xesto que transcende un simple corpo, que busca capturar aquilo que se define como Incorpórea. De recoñecer aquilo que pulsa no silencio, que insiste en existir mesmo cando non é nomeado.

Ensayo é un proxecto de investigación artística a partir dalgúns xestos humildes que pasaron desapercibidos para a historia e que promoven pequenas formas de resistencia baseadas na infracción, a poesía e a recuperación dos tecidos comunitarios. O proxecto trata de inventar xenealoxías e empurrar outras posibilidades para un tempo por vir. “Queremos utilizar o teatro como campo de probas para poñer en marcha prácticas e pensamentos que nos axuden a fundar outra maneira de relacionarnos co noso pasado e imaxinar algún futuro. Poden as artes vivas poñer en marcha propostas que nos axuden a conquistar o bo vivir? Creemos que, dalgún xeito, si”.

Sobre as artistas

Suevia Rojo é unha bailarina e performer freelance, nacida en Santiago de Compostela en 2002. Mudouse a Oporto aos catorce anos para dar continuidade aos seus estudos en danza. Entre 2020 e 2022 estudou en Performact, un programa intensivo de dous anos onde tivo a oportunidade de traballar con varios artistas internacionais e onde comezou a desenvolver a súa propia identidade na danza e na performance.

Entre os seus traballos máis recentes tanto como creadora e/ou intérprete atópanse A Água vai e vem e dança também, en colaboración con Frederica Campos no ámbito de Contrapartituras - Bolsa de creación do Quarteto Contratempus; a presentación do solo Longa Exposición, no Festival Singularidades / Açores, con apoio da DGArtes; a súa participación como bailarina na peza HIDE TO SEEK, de Júlio Cerdeira, no marco de Palcos Instáveis - Teatro Municipal do Porto; a presentación do solo de danza Pensar a Contratempo, no marco do apoio bianual do festival ABANEA - Galicia; e a súa participación como intérprete na peza O que se Esconde no Silêncio, en RÉPTIL, en coprodución co Teatro Constantino Nery e o CineTeatro de Gouveia e co apoio da DGArtes.

A súa investigación artística explora como o corpo pode ser abordado como un espazo de memoria, creando un diálogo interno entre estados físicos e emocionais. A través do movemento, investiga a conexión entre conciencia e instinto, transformando a vulnerabilidade en forza e a experiencia interna en forma física. Actualmente reside en Oporto, onde desenvolve o seu traballo como freelance, en colaboración con outros artistas e compañías como bailarina e performer.

Rocío Bello y Javier Hernando levan facendo cousas xuntos máis de dez anos, tamén con outros artistas. Javier Hernando fundou xunto a Miguel Rojo a compañía Los Bárbaros. Los Bárbaros desenvolveron proxectos como Las explicaciones (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), Obra infinita (Centro Dramático Nacional) ou Obra imposible (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), nos que participou Rocío Bello como actriz, dramaturga e deseñadora de vestiario. Rocío Bello colaborou nas últimas pezas da artista Cris Blanco e a súa obra Mi película italiana estreouse no Teatro Español de Madrid baixo a dirección de Salva Bolta. Javier Hernando publicou libros de poesía como Una clase de escritura (La Uña Rota, 2025).

⚙ Configurar cookies
0.074272871017456