O Vello Cárcere de Lugo acolleu a Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria da AELG

LugoXa
O acto recoñeceu as achegas de María da Vrea e do Equipo Chaira á memoria colectiva e á tradición oral galega
Premios-Mestres-e-Mestras-da-Memoria-AELG-Lugo
25 Oct 2025

O Vello Cárcere de Lugo foi o escenario da Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración do Concello de Lugo.

O evento serviu para homenaxear as achegas de María da Vrea e do Equipo Chaira —formado por Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa— á conservación da memoria colectiva e do saber popular galego.

A gala contou coas actuacións musicais de Sés e María da Pontragha e coas intervencións de Calros Solla e Xosé Miranda, quen se encargaron de salientar as traxectorias das persoas galardoadas. Solla leu a laudatio dedicada a María da Vrea, mentres que Miranda destacou o labor do Equipo Chaira na preservación e divulgación da tradición oral.

A celebración reafirma o papel de Lugo como espazo de referencia para o estudo e difusión da tradición oral galega, un labor que se sustenta na actividade constante da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG na cidade.

Nesa mesma liña, a entidade celebrará no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral, baixo o título “Onde van os marcos? As narrativas no ano da oralidade das mulleres”, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.070646047592163