O poeta e novelista Manuel Vázquez, natural de Albar, Valonga (Pol), presentou no Vello Cárcere de Lugo a súa obra Maldita eternidade, gañadora do VI Premio Eduardo Pondal. O evento congregou a un numeroso público que se achegou para coñecer de primeira man esta nova proposta literaria, cargada de compromiso social e fonda sensibilidade poética.
Durante o acto, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañou ao autor e destacou a importancia de apoiar a creación literaria en lingua galega e dar voz a obras que “convidan a reflexionar sobre realidades sociais complexas”. Agradeceu tamén o compromiso de Vázquez e da editorial Medulia coa cultura e coa palabra escrita.
Maldita eternidade afonda na marxinación, o malditismo e a contracultura, configurando un universo poético onde a soidade no mundo urbano se converte nun dos fíos condutores. Cunha voz firme e terna ao tempo, o autor bebe da tradición da mellor poesía social española, sen renunciar a unha mirada íntima e crítica. “E nacemos, / e con nós / nace a soidade”, afirma nun dos seus poemas, A neve. Noutra peza, Cambio climático, recoñece: “Estaba contento, / a pesar de escribir estes tempos / poemas de desolación, decepción e soidade, / A culpa téñena os cadros de Hopper”.
Na súa intervención, Manuel Vázquez reivindicou a poesía como ferramenta para dar visibilidade ás inxustizas sociais. Subliñou que a invisibilidade das persoas vulnerables perpetúa os problemas e supón unha ameaza para a cohesión social.
A presentación de Maldita eternidade consolidouse así como un acto de compromiso literario e cultural que pon o foco nas fendas sociais do presente a través da forza da palabra poética.