O Vello Cárcere de Lugo acolleu a presentación do libro 'Auga para a cidade'

O patio do Vello Cárcere de Lugo acolleu a presentación do libro Auga para a cidade. Arqueoloxía e Historia do Abastecemento de Auga á Cidade de Lugo, un volume editado polo Concello de Lugo e escrito e coordinado polo arqueólogo municipal, Enrique González Fernández.
No proxecto colaboraron ademais o arqueólogo da Administración Autonómica, Rubén Darío Álvarez Asorey; o historiador Julio Reboredo Pazos e a historiadora e docente Ana Goy Diz, falecida en setembro de 2022.
Este novo volume actualiza a información sobre as escavacións arqueolóxicas e estudos documentais realizados hai máis de vinte anos, cando o Concello editou Aqua Urbi, Historia de Abastecemento de Auga á Cidade de Lugo. Ao longo das últimas décadas, novos achados arqueolóxicos permitiron reconstruír parte da historia da cidade, especialmente no referente ao acueduto do século XVIII.
Durante o acto, interviñeron tres dos catro autores do libro antes de dar paso á rexedora municipal, que quixo lembrar a contribución da historiadora Ana Goy Diz. Alvarellos destacou a paixón e dedicación dos investigadores, que permitiron despexar moitas das inquedanzas sobre o pasado de Lugo e o seu patrimonio.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou no acto e expresou o seu agradecemento aos autores polo seu traballo e compromiso. Destacou que a obra é fundamental para entender a configuración e as orixes da cidade, centándose na evolución do sistema de abastecemento de auga. Subliñou a importancia da auga na historia de Lugo, tanto pola súa ubicación estratéxica preto do río Miño e dos mananciais termais, como polo seu impacto no crecemento urbano.
A alcaldesa subliñou que Lugo é unha cidade onde os achados arqueolóxicos forman parte do día a día. Como exemplo, mencionou os restos dun tubo de canalización do século XVIII atopados recentemente nas obras de peonalización do centro histórico, na rúa Quiroga Ballesteros coa praza do Ferrol. Tamén destacou o descubrimento dunha terceira cloaca que percorría Lugo de norte a sur, achada durante os traballos de restauración na Catedral.
A configuración de Lugo ao longo da historia deu lugar a un importante patrimonio arqueolóxico, que inclúe acuedutos, cloacas, canalizacións e puntos de acopio de auga. Neste sentido, Alvarellos recordou que o Concello conserva máis de 15.000 pezas arqueolóxicas recuperadas en décadas de escavacións, almacenadas en espazos como o Vello Cárcere e a Casa da Xuventude. A rexedora destacou a obriga da administración de preservar este legado, non só como parte do patrimonio, senón tamén como un exercicio de responsabilidade co pasado e coa historia de Lugo.
Co obxectivo de achegar este valioso traballo á cidadanía, o Concello decidiu que o libro esté dispoñible para a súa descarga gratuíta a través da web municipal.