O Vello Cárcere de Lugo inaugura dúas exposicións que reivindican identidade e diversidade cultural

O Vello Cárcere de Lugo acolle a exposición Somos pobo feito en Nós, da artista lucense Andrea Prado Rielo, que poderá visitarse entre o 13 de setembro e o 13 de outubro nas celas de homes da pranta baixa. A mostra nace das grellas dos escenarios, entre luces, suor e compromiso, para poñer en valor ás persoas que manteñen viva a cultura galega e a identidade colectiva a través da súa capacidade creativa.
Con estética punk, directa e crúa, o proxecto aposta pola filosofía do “faino ti mesma” e entende o erro, a mancha e o azar como sinais da pluralidade que conforma a sociedade galega. Cada imaxe preséntase como un acto de resistencia e un recordatorio de que en Galicia a música e a arte actúan como salvavidas culturais e como espazos comúns de emoción compartida. A exposición, que se ergue como canto identitario, pretende ser tamén un recoñecemento ao pobo galego e ás persoas artistas que defenden a súa cultura como chave de futuro fronte á ameaza da extinción.
De xeito paralelo, ata o 30 de setembro pódese visitar nas celas de mulleres da segunda planta a mostra As cores do respecto de Le Magic Mayimba, obra de Pablo del Valle. A proposta ofrece un percorrido artístico centrado na loita contra o racismo, visibilizando a diversidade a través da pintura e resaltando a arte como ferramenta de transformación social.
As creacións traen ao primeiro plano persoas negras acompañadas de símbolos da cultura africana. O emprego de cores vivas inspiradas en vestimentas e pulseiras tradicionais dota de forza expresiva ás figuras retratadas, converténdoas en símbolo de dignidade, alegría e riqueza cultural. Os degradados e gamas de verdes, amarelos e vermellos —cores panafricanas— evocan natureza, riqueza e a loita pola liberdade. O que comezou como ilustración dixital chega agora convertido en acrílicos e murais, consolidándose como unha declaración de orgullo e respecto á diversidade.
A concelleira Maite Ferreiro destacou a importancia do Vello Cárcere como espazo que simboliza a loita contra a represión e convidou á veciñanza a achegarse para coñecer estas dúas novas exposicións, que se suman á ampla programación cultural dun dos centros máis relevantes de Lugo.