O Vello Cárcere de Lugo acolle un programa pioneiro para a danza e as artes vivas

LugoXa
O Vello Cárcere de Lugo participa na oitava edición das Residencias Paraíso, programa pioneiro para a danza e as artes vivas.
7 Feb 2024

O Vello Cárcere de Lugo participa na oitava edición das Residencias Paraíso, programa pioneiro para a danza e as artes vivas. Por oitavo ano consecutivo, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– abre unha nova convocatoria anual do programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou unha nova convocatoria das Residencias Paraíso que se celebrarán entre abril e outubro deste 2024 nas instalacións do Vello Cárcere de Lugo.  “Un proxecto co que o Concello de Lugo leva colaborando nos últimos anos e que permite tanto dar unha grande promoción á nosa cidade entre as e os artistas de toda a península como achegar a Lugo a agrupacións de gran calidade para que desenvolvan aquí os seus proxectos”, explicou a concelleira.

Diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. As persoas interesadas poderán presentar a súa proposta ata o 26 de febreiro e unha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do colectivo RPM valorará a integridade artística do proxecto, o seu grao de madurez e solidez, a relación entre a proposta e o territorio e as prácticas de programación expandida que arroupen a residencia, para anunciar a mediados de marzo os proxectos seleccionados.

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro de 2024. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro de 2024 na Illa de San Simón. O programa vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O proxecto conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Conta cun importe total de 22.000 euros e acollerá ata 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

0.16123104095459