"O Vello Cárcere está aberto á celebración de actividades diversas e plurais”
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, destacou o papel do Vello Cárcere como un dos foros de debate de ideas máis importantes de Lugo. Maite Ferreiro destacou que “o Vello Cárcere recibe centos de solicitudes cada mes para organizar debates, presentacións e distintas actividades por parte de distintas organizacións do tecido asociativo, tanto local como galego”.
A edil de Cultura respondía con estas declaracións ás críticas vertidas polo PP municipal que acusaba ao Goberno local de "respaldar" unha campaña "encuberta" contra a OTAN, tras coñecer dun acto que se vai realizar no Vello Cárcere.
Maite Ferreiro destacou a pluralidade mantida pola área de Cultura á hora de acoller actividades nestas instalacións culturais. “Trátase dun espazo aberto que acolleu todo tipo de presentacións”, explicou a edil.
Entre as actividades realizadas nos últimos meses, a área de Cultura aprobou a celebración no Vello Cárcere da presentación do libro A Propósito de Fraga, promovido por un grupo editorial, e que contou coa presenza de cargos institucionais do Partido Popular e doutros partidos, ou da conferencia a cargo dun representante do exército español sobre o conflicto de Ucraína.
A concelleira de Cultura afirmou que “o compromiso do Goberno de Lugo é continuar a fomentar o debate e a pluralidade de ideas nunha instalación como o Vello Cárcere”.