O Vello Cárcere inaugura a exposición ‘Galaica’ de Diego Beyró e acollerá un ciclo de cine arxentino-uruguaio

LugoXa
A mostra mergúllase na experiencia do Camiño de Santiago a través da pintura e complétase cun programa audiovisual internacional
Galaica-de-Diego-Beyró-Lugo
14 Sep 2025

O Centro Cultural do Vello Cárcere abriu as portas á exposición Galaica, do artista Diego Beyró, que chega a Lugo logo de presentarse previamente en Ourense. A mostra reúne unha selección de pinturas e debuxos, incluíndo tamén obras inéditas, que exploran a pegada artística e espiritual das rutas xacobeas percorridas polo autor.

A través do Camiño Francés, o Portugués, o do Norte e a Vía da Prata, Beyró foi transformando o seu estilo, pasando do estudo da luz a unha procura máis intensa da cor. O resultado son interpretacións visuais das paisaxes, atmosferas e emocións vividas, que conforman unha “nova memoria” máis fiel á experiencia de camiñar que á propia imaxe documental. A exposición, aberta durante as vindeiras semanas, propón ás persoas visitantes unha dobre viaxe: recoñecer a paisaxe á distancia e perderse de preto na materialidade da obra.

No acto de inauguración, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou que esta proposta conecta a tradición milenaria do Camiño coa creación contemporánea, ofrecendo ao público lucense a oportunidade de mergullarse nun diálogo entre arte e territorio.

Xunto coa exposición, o Vello Cárcere será tamén escenario dun ciclo de cine arxentino e uruguaio que se desenvolverá do 15 ao 19 de setembro ás 19:30 horas, con entrada libre. O programa incluirá os filmes Un oso rojo (Arxentina), coa presenza da cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, Silvina Montenegro; La noche de 12 años (Uruguai); Lluvia (Arxentina); Martín (Hache) (Arxentina) e Migas de pan (Uruguai), que contará coa participación do cónsul xeral da República Oriental do Uruguai en Santiago de Compostela, Ramiro Rodríguez Bausero.

Ferreiro subliñou que a programación do Vello Cárcere busca tender pontes culturais entre Galicia, Arxentina e Uruguai, reforzando os lazos históricos e culturais que unen estes territorios.

⚙ Configurar cookies
0.092053890228271