O Vello Cárcere ofrece a mostra aberta da Residencia Paraíso de Cris Balboa
O 13 de maio, Cris Balboa iniciaba a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Facíao no Vello Cárcere de Lugo, en torno á súa proposta artística titulada Sinte, un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Este venres, 24 de maio, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala, a creadora galega ofrecerá no Vello Cárcere unha mostra aberta do seu traballo en proceso.
Sinte é un proxecto coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Unha viaxe desde a fraxilidade para desarmar as corazas coas que nos movemos polo mundo e celebrar que todas somos seres sensibles vibrando en frecuencias diversas. Cris Balboa relata con paixón o seu conflito co mundo que nos rodea desde un punto de vista singular e persoal, buscando influír nos estados de ánimo colectivos a través da música electrónica.
Proponse como un lugar de expresión nunha sociedade cada vez máis afeita á frialdade das transaccións económicas, desbordada pola velocidade terminal que nos fai menos conscientes da nosa realidade. Balboa é unha creadora galega que ten como motor a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde investiga a posibilidade de transformación social e persoal que ten a arte. O seu traballo artístico mestura palabra, acción, danza, audiovisuais e música, cruzando a súa obra con elementos narrativos que oscilan entre a ironía, o humor, o hedonismo ou mesmo a desesperación.
Os seus textos, que parten do autorretrato e a autoficción como formas comunicativas, buscan xerar un sentimento de identificación co espectador para reflexionar sobre a vida dende o cotián, situando o seu corpo e a súa experiencia como centro da dúbida sobre o que somos. En 2011 forma a súa compañía Funboa Escénica e desenvolve proxectos en colaboración con artistas como Lúa Gándara, Manuel Parra, Félix Fernández, Estevo González e Paulina Funes, entre os que se encontran as obras O que segue, Technocracia, Sushi gratis e Masa madre + sal marina, presentadas en diversos festivais e eventos estatais.