O Veral acolleu a Festa da Troita con Xamón e a xornada de convivencia das parroquias ribeireñas do Miño

O Veral foi escenario da terceira edición da Festa da Troita con Xamón, que coincidiu coa xornada de convivencia das parroquias ribeireñas do Miño e do rural. A iniciativa estivo organizada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, coa colaboración da Deputación Provincial e do Concello da cidade.
A cita congregou arredor de 300 veciños e veciñas das 22 parroquias do val do Miño, entre elas Camoira, Ombreiro, Bocamaos, Meilán, Adai, Orbazai, Cuiña, Conturiz, Nadela, San Mamed, Santa Cristina, Coeses, Ribas de Miño, San Martiño de Piñeiro, Torible, San Salvador de Outeiro, Vilalchá de Mera, Santa María Alta, Veral, San Lázaro, Piugos e Soñar.
Durante o acto, o deputado Rivera Capón salientou a relevancia do movemento veciñal e da unión das parroquias, destacando que festas como esta non só valoran os produtos autóctonos, senón que tamén reforzan a convivencia e a identidade común. “Cando a xente se xunta e traballa unida, constrúe un futuro con raíces e orgullo para toda a provincia”, afirmou.
Os asistentes gozaron dun menú gratuíto elaborado con produtos da zona, no que a troita con xamón do val do Mera foi a gran protagonista, acompañada de empanada e pan de Antas de Ulla, nunha mostra da riqueza gastronómica da comarca.