O VI concurso de Traballos Fin de Grao sobre enxeñaría e muller rural xa ten gañadora
A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, participou este martes no acto de entrega de premios da VI edición do concurso de Traballos Fin de Grao sobre enxeñaría e muller rural que convoca a Escola Politécnica de Lugo, que acolleu o salón de actos desta escola do Campus Terra. Unha entrega que se celebrou no Día Internacional da Muller.
Loureiro felicitou ás mulleres premiadas dun xeito especial, pero tamén a todas as alumnas que participaron neste concurso cos seus traballos e ideas. Manifestou o firme compromiso da Deputación de Lugo co feminismo e coa defensa da igualdade, dixo, “en todos os ámbitos, por suposto, tamén no Ensino Superior”. Recalcou que estes premios recoñecen o excelente traballo das galardoadas, pero “fan un chamamento para que reflexionemos sobre a persistencia da infrarrepresentación das mulleres nas carreiras técnicas”.
Na súa intervención expuxo datos para visibilizar esa baixa presenza feminina neste ámbito. Afirmou que en España hai máis 1,6 millóns de estudantes na Universidade e que deles, as mulleres representan o 59%. “Pero de acordo cos datos oficiais, en carreiras técnicas como Enxeñería ou Arquitectura, a presenza de alumnas só acada o 24%, e en algunhas especialidades, como informática ou electrotécnica, esa porcentaxe cae por baixo do 10%. Desta forma, é necesario que sigamos traballando para potenciar a presencia feminina en carreiras nas que aínda é minoritaria, non poden persistir no século XXI aqueles vellos estereotipos que dividían os estudos e os traballos entre os apropiados para homes e os aquelados para mulleres”, afirmou Loureiro.
Referiuse, así mesmo, a que “esa visión paternalista e inxusta é o xermolo de moitas cousas”. Puxo de exemplo que esa óptica perpetúa “a imaxe da muller como sempre disposta a antepoñer a familia á carreira profesional; tamén que sobre ela se basea a fenda salarial, outra inxustiza que a sociedade ten que corrixir; e que dela xorden tantas fotos de comités, reunións de expertos e similares nas que non figura nin unha soa muller”. Ao respecto diso, lembrou que a Vicepresidenta do Goberno Nadia Calviño dixo que non volvería a participar nun acto no que ela fose a única muller presente. “Penso que é unha boa maneira de reivindicar publicamente a necesidade de seguir avanzando cara a igualdade, real e efectiva, entre mulleres e homes, igual que é unha gran ferramenta para avanzar na igualdade a organización destes premios de fin de grao sobre Enxeñaría e Muller Rural”.
“Todos os días teñen que ser o Día da Muller”
María Loureiro lembrou que nas últimas semanas se conmemoraron varias datas importantes arredor da muller. “O 11 de febreiro, celebramos o día da muller e a nena na ciencia. E o pasado día 24, un acto organizado pola Deputación e FADEMUR baixo o lema A forza das mulleres rurais reuniu a máis de 300 participantes e poñentes coa vicepresidenta Teresa Ribera, para analizar proxectos de emprendemento e cultura no rural protagonizados por mulleres. En realidade, mentres non academos a plena igualdade, mentres non rachemos todos os teitos de cristal, e mentres non desaparezan as brechas de xénero, todos os días teñen que ser o Día da Muller”, subliñou.
Quixo incidir que estes días para visibilizar as inxustizas e desigualdades de xénero son aínda máis relevantes nestes tempos nos que “as forzas de extrema dereita desexan entrar nas institucións co retroceso dos dereitos das mulleres como unha das súas bandeiras. Nos que a crise socioeconómica derivada da pandemia esta a afectar en maior grao ás mulleres. Uns tempos nos que, por desgracia, as mulleres de Ucraína vense ameazadas pola carga específica de violencia que a guerra reservou ás mulleres, sempre, ó longo da Historia”, lamentou.