O viaduto da Chanca cumpre 150 anos e protagonizará un cupón da Once

LugoXa
O Concello de Lugo rinde homenaxe ao Viaduto da Chanca, que será protagonista dun Cupón da Once en decembro.
ponte da chanca
25 Abr 2021

Cúmprense 150 anos do inicio da construción do Viaduto de A Chanca. Unha efeméride que o Concello de Lugo quere compartir coa cidadanía de todo o país, poñendo en valor a transcendencia que tivo para a cidade a creación desta dotación.

Entre as iniciativas que a área de Alcaldía está a preparar ao respecto e nas que se agarda contar coa presenza da presidenta do ADIF, a lucense Isabel Pardo de Vera - incluíuse a petición á Fundación Once da impresión da imaxe desta infraestrutura ferroviaria nun dos seus cupóns diarios. Unha solicitude que non só foi ben recibida pola institución senón tamén aceptada, fixando para o próximo 07/12/2021 a data da súa difusión.

De feito, foi concretamente o 20 de decembro de 1871 cando comezaban as obras do Viaduto, unha das mostras máis notables da enxeñería da época da liña férrea do Noroeste. A súa edificación, que tivo un custo de 2 millóns e medio de reais, supuxo que se acurtase a chegada ao municipio en máis de 8 quilómetros.

Nela traballaron homes e mulleres do barrio, carrexando cestos de area a cambio duns poucos reais, lucenses que contribuíron desta forma a levantar unha obra sen a que non se entendería a historia máis recente de Lugo.

As tarefas para materializalo alongáronse ata o ano 1874, pero non foi até agosto de 1879 cando o primeiro convoi atravesou as súas vías. A apertura da prolongación da liña ata Poboa de San Xulián e Sarria, nos meses de marzo e outubro de 1880, supuxo o inicio da súa andaina ata o día de hoxe que segue en activo.

É ben sabido que a chegada do tren favoreceu unha transformación para o concello de Lugo, tanto a nivel urbanístico como social e económico. Xa que non só supuxo un gran avance no transporte de viaxeiros senón tamén no de mercadorías”, incidiu a alcaldesa que indicou tamén que “coas celebracións, que parten dunha proposta veciñal, o Concello de Lugo quere atender tamén a demanda cidadá existente para reivindicar e enxalzar unha parte tan valiosa coma esta do noso patrimonio local”.

Outros datos

O Viaduto da Chanca componse de catro tramos divididos por pilas estribos, cada un de cinco arcos de 10 metros de luz, e unha lonxitude de 298 metros. A altura no centro é de 29 metros. Naquela época o trazado constituíu a única conexión ferroviaria entre Galicia e a Meseta castelá, co consecuente achegamento de Galicia ao resto da península. Converterase no viaduto máis grande que cruzaría o tren no tramo Palencia - A Coruña.

O autor do proxecto foi Pedro Antonio de Mesa Arroquia (1826-1875), e o enxeñeiro de obra Ángel García del Hoyo, integrante do corpo de Camiños, Canles e Portos, que desempeñou durante algúns anos a xefatura de Obras Públicas da provincia de Lugo.

0.22038912773132