O VII Foro Labrego de Agroecoloxía conclúe cun chamamento a un modelo sostible

LugoXa
A xornada pechou cunha conclusión clara: a necesidade de avanzar cara a un modelo agroecolóxico sostible como alternativa viable
Foro-Labrego-de-Agroecoloxía-Antas-de-Ulla
3 Feb 2025

Antas de Ulla acolleu durante esta fin de semana a VII edición do Foro Labrego de Agroecoloxía, organizado polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL).

A xornada pechou cunha conclusión clara: a necesidade de avanzar cara a un modelo agroecolóxico sostible como alternativa viable ás industrias contaminantes que ameazan o territorio galego.

Os asistentes denunciaron proxectos empresariais como a macrocelulosa de Altri-Greenalia na Ulloa, a reapertura da mina de Touro e os episodios de contaminación na balsa de residuos tóxicos de Alcoa, que son rexeitados pola cidadanía.

Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG-CCLL, alertou de que "os nosos territorios están sendo atacados por proxectos nocivos para a saúde e o medio ambiente" e criticou a estratexia lexislativa que favorece grandes corporacións en detrimento do interese xeral.

Na mesa 'A Ulloa, unha comarca en equilibrio', Vilalba destacou a riqueza agraria da zona e alertou sobre os perigos da plantación de especies pirófitas se se aproba a macrocelulosa.

Pola súa parte, a neurocientífica Sonia Villapol subliñou que a documentación presentada por Altri-Greenalia ten serias eivas de transparencia e non cumpre requisitos de deontoloxía, alertando dos riscos para a saúde das persoas traballadoras.

Xavier Simón, investigador do CISPAC, criticou a mercantilización da vida e a falta de diálogo na imposición do proxecto Gamma de Altri-Greenalia. Pola súa banda, Alejandro García, gandeiro e activista da Plataforma Ulloa Viva, rexeitou o modelo de eucaliptización e apelou a un desenvolvemento sostible baseado na agricultura galega tradicional.

A sesión do sábado pola tarde centrouse en alternativas agroecolóxicas como 'Da Escola á Granxa' e 'EoAlimenta'. O domingo destacaron testemuños de resistencia contra proxectos contaminantes e a preestrea do filme 'O Ulla si', seguida dun debate. O foro rematou cunha visita guiada a cargo de Xurxo Mouriño, da Plataforma Ulloa Viva.

O SLG-CCLL reiterou o seu compromiso coa defensa da terra e rexeitou proxectos que comprometan o futuro rural galego.

'A Terra non se vende', sentenciou Lois Varela, afiliado do sindicato e activista contra Altri-Greenalia.

 

0.16977095603943