O xadrez na rúa consolídase nos barrios de Lugo coa implicación da veciñanza

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, visitaron o barrio do Castiñeiro para participar nunha xornada da actividade “Viaxe pola historia do xadrez”, unha proposta promovida pola Concellería de Educación que busca levar o xadrez ás rúas fomentando a aprendizaxe e a participación veciñal.
Durante os primeiros quince días de xullo, a praza do Castiñeiro convértese nun espazo onde a veciñanza pode gozar dun xadrez xigante, mesas de xogo e sesións de iniciación, con horario de luns a venres entre as 18:00 e as 20:00 horas. A actividade é aberta e gratuíta para todas as idades.
Iria Buide destacou a importancia desta programación para impulsar o xadrez entre a cidadanía, tanto durante o verán como no curso escolar nos centros educativos, resaltando que esta práctica desenvolve habilidades como a concentración, a toma de decisións, a creatividade e a axilidade mental.
Pola súa banda, Rubén Arroxo valorou o compromiso do goberno local de achegar propostas culturais e educativas aos barrios, transformando os espazos públicos en puntos de encontro e aprendizaxe para toda a comunidade.
Esta iniciativa enmárcase nun programa máis amplo da Concellería de Educación destinado a democratizar o coñecemento e fomentar a participación interxeracional e cidadá a través de accións lúdicas e formativas.