O xadrez sae á rúa: taboleiros xigantes, clases de iniciación e un torneo en Lugo
Continúa o ciclo Xadrez para todas, orientado ás e aos escolares e a toda a veciñanza de Lugo. O programa ten o obxectivo de "espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando ás familias sobre as vantaxes que a súa práctica representa sobre a dimensión educativa", explicou a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.
O mes de xuño comezará co torneo de xadrez Festa Final, que terá lugar na praza Maior na tarde do 2 de xuño. O torneo, orientado a xogadores federados, será totalmente gratuíto e contará con 120 prazas divididas en 6 categorías (menores de 8, 10, 12 e 14 anos, categoría familiar e categoría absoluta). As persoas interesadas en participar no torneo deberán realizar a inscrición contactando coa asociación cultural Xaquedrum.
Como actividade paralela, o xadrez sairá á rúa todas as tardes de luns a venres entre o 3 e o 20 de xuño. Instalarase un xadrez xigante, varios xadreces convencionais e daranse clases de iniciación. Desta forma, todas as persoas que o desexen poderán xogar ao xadrez. Trátase dunha actividade totalmente gratuíta que non precisa de inscrición previa.
Maite Ferreiro destacou "o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación", e engadiu "a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e unha serie de habilidades sociais tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade".