O XIX Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do SLG arrinca en Lugo cunha firme reivindicación feminista

LugoXa
Como peche da xornada, ás 19.30 horas, as participantes do Encontro sumáronse á manifestación feminista organizada pola Plataforma Feminista de Lugo
Encontro-SLG-8M-Lugo
9 Mar 2025

O Vello Cárcere de Lugo acolleu o XIX Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), unha cita que se estenderá ata o domingo e que se consolidou como un espazo clave de reflexión, formación e mobilización das mulleres labregas galegas.

O acto inaugural contou coa participación das gandeiras Concha de Friol e María dos Ancares, da activista Ana Torrón, integrante da Plataforma Feminista de Lugo, e da responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro, quen deu a benvida ás asistentes destacando a relevancia deste encontro como “un espazo de convivencia e traballo esencial para a nosa organización”.

Ferreiro subliñou a importancia de compartir experiencias e fortalecer o vínculo colectivo entre mulleres labregas feministas, para abordar as problemáticas que afectan ao día a día e para analizar as formas de organización e loita nun sindicato mixto.

A primeira mesa de debate, titulada Mulleres labregas e feminismo: Representación e transformación das políticas públicas, foi tamén introducida por Ferreiro, quen centrou a súa intervención na falta de perspectiva de xénero da Política Agraria Común (PAC). Denunciou a discriminación estrutural que sofren as mulleres no acceso aos recursos públicos e aos espazos de decisión, exemplificando co escaso impacto da Lei de Titularidade Compartida aprobada en 2011, que apenas chegou a 1.300 mulleres en todo o Estado no ano 2025, fronte ás 55.000 que se prevía inicialmente.

A continuación, Isabel Álvarez, vicepresidenta e responsable de incidencia política da rede internacional URGENCI, abordou as deficiencias metodolóxicas na recollida de datos sobre a actividade agraria, que perpetúan a invisibilización das mulleres no sector. Citou o estudo “Participación política das mulleres labregas no Estado español” para ilustrar estas carencias e destacou a importancia de compartir experiencias discriminatorias como paso necesario para a visibilización e transformación social.

Pechando esta primeira mesa, a investigadora Guillermina Fernández, do grupo Laboratorio e Territorio da USC, presentou os resultados dunha investigación sobre o acceso da mocidade ao sector agrario. Sinalou as dificultades ás que se enfrontan as persoas novas procedentes doutros ámbitos, destacando a importancia de crear ferramentas de apoio específicas para facilitar a súa incorporación ao rural.

A sesión de tarde comezou coa intervención da historiadora Ana Cabana, baixo o título “As mulleres do rural 'de onte': mobilizacións e memorias da historia do rural galego”. Cabana puxo o foco na escasa presenza das mulleres labregas nos arquivos históricos e na necesidade de recuperar as súas voces para construír unha memoria social máis completa e plural. “Non hai unha muller rural, senón mulleres rurais, e debemos visibilizalas”, afirmou, lembrando a súa presenza activa nos conflitos sociais do país.

A xornada concluíu coa intervención da Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, quen compartiu información sobre a recente delegación da organización internacional La Vía Campesina en Cisxordania, Palestina, na que participou Dora Cabaleiro, integrante da Executiva Nacional do SLG. Vilalba denunciou os asentamentos ilegais israelís, a apropiación das terras palestinas e o uso da fame como arma de guerra, chamando á solidariedade internacional mediante o boicot aos produtos israelís.

Como peche da xornada, ás 19.30 horas, as participantes do Encontro sumáronse á manifestación feminista organizada pola Plataforma Feminista de Lugo, que partiu ás 20.00 horas desde a explanada do Edificio Multiusos da Xunta, finalizando na Praza Santa María.

O XIX Encontro da Secretaría das Mulleres continúa este domingo cunha nova xornada de reflexión, aprendizaxe colectiva e compromiso co feminismo labrego.

⚙ Configurar cookies
0.74244999885559