O XIX Encontro Anual do SLG concluíu cunha xornada de reflexión feminista

LugoXa
Un dos momentos máis emotivos da fin de semana foi o tradicional intercambio de sementes entre as asistentes, celebrado baixo o lema 'Feminismo, a nosa semente de vencer'
XIX-Encontro-Anual-SLG-feminista
10 Mar 2025

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas concluíu este domingo o seu XIX Encontro Anual, celebrado nas instalacións do Vello Cárcere da cidade de Lugo.

O encontro reuniu a mulleres labregas de diferentes puntos do país nun espazo de análise, intercambio de experiencias e fortalecemento da autoorganización feminista no medio rural.

As participantes do encontro sumáronse á manifestación do 8 de marzo celebrada en Lugo, mostrando o compromiso do SLG coa loita feminista tamén nas rúas. Ademais, a organización estivo presente nas diversas mobilizacións convocadas polo Día Internacional da Muller ao longo de todo o país.

Durante a xornada do sábado, os traballos centráronse na reflexión colectiva sobre os desafíos para transversalizar a perspectiva de xénero nas políticas públicas. A través da dinámica “Labregas organizadas, labregas apoderadas”, afondouse nas experiencias compartidas e nas ferramentas para identificar e superar as eivas existentes.

A xornada de peche, celebrada o domingo, xirou arredor do fortalecemento interno da organización e do papel activo das mulleres labregas dentro do SLG. “A Secretaría nace como unha ferramenta das mulleres do Sindicato Labrego Galego. Ten tres bloques de traballo: un vinculado ao paso do individual ao colectivo, outro centrado nos dereitos profesionais das mulleres labregas, e un terceiro que aborda a nosa autoorganización e traballo conxunto”, explicou a responsábel da Secretaría das Mulleres, a gandeira María Ferreiro.

Durante a sesión matinal, as asistentes traballaron especialmente nesta última dimensión, reflexionando sobre a súa participación no espazo da Secretaría, os avances conseguidos e os retos pendentes.

Tamén tiveron un papel destacado as voces doutras compañeiras como María Pardo, quen puxo en valor a participación das mulleres en loitas históricas como a das Encrobas; Belén Fervenza, integrante da Dirección Nacional e viceresponsable do sector da horta, quen salientou a importancia da formación sindical como ferramenta de empoderamento; e Uxía García, tamén da Dirección Nacional e da Executiva, quen destacou o valor das análises políticas como motor da loita labrega. Pola súa parte, a gandeira Concha de Friol apostou por seguir fortalecendo a Secretaría como espazo cohesionador e motor das demandas das mulleres na organización.

Un dos momentos máis emotivos da fin de semana foi o tradicional intercambio de sementes entre as asistentes, celebrado baixo o lema 'Feminismo, a nosa semente de vencer', símbolo do compromiso co coidado da terra e coa transmisión de saberes entre mulleres.

O encontro rematou, como é habitual, cunha visita a unha das granxas das afiliadas, nesta ocasión a Casa Bértolo, a gandaría de leite ecolóxica e queixería tradicional que xestiona Concha de Friol, exemplo vivo do modelo labrego e feminista que defende o SLG.

Este XIX Encontro reafirma a forza da autoorganización das mulleres labregas e o seu papel esencial na transformación social e agraria desde unha perspectiva feminista e colectiva.

⚙ Configurar cookies
0.16662383079529