O xogador do Breogán Sergi García participa nunha actividade de mellora física na residencia das Gándaras

LugoXa
O xogador do CB Breogán Sergi García visitou a residencia pública autonómica das Gándaras para participar nunha das actividades de envellecemento activo do programa Grazas A-Vós, promovido pola Fundación Breogán coa colaboración da Xunta.
sergi_garcia_as_gandaras
23 Mar 2024

O xogador do CB Breogán Sergi García visitou a residencia pública autonómica das Gándaras para participar nunha das actividades de envellecemento activo do programa Grazas A-Vós, promovido pola Fundación Breogán coa colaboración da Xunta. Esta iniciativa acaba de poñerse en marcha nos centros das Gándaras e A Milagrosa cunha gran acollida. O base da Liga Endesa foi entrevistado polos residentes, que lle preguntaron sobre a súa carreira deportiva e a súa impresión sobre a cidade de Lugo.

O proxecto Grazas A-Vós está orientado ao mantemento e mellora da saúde física e mental das persoas maiores de 65 anos. Cada residencia acolle dúas sesións por semana, con actividades de exercicio físico, ioga e pilates, práctica de baloncesto, talleres de estimulación cognitiva e accións para fomentar o benestar emocional. Ademais, os participantes recibirán regularmente visitas de xogadores do CB Breogán.

Cómpre lembrar ademais que a residencia das Gándaras acaba de obter o certificado de calidade en base á norma ISO 9001-2015, que avala os servizos prestados segundo requisitos e estándares internacionais. O centro suma así un novo selo que garante a calidade, a profesionalidade e a eficiencia na súa xestión, xa recoñecida coa credencial UNE 158101-2015. A acreditación esténdese a todas as áreas de funcionamento da residencia e reflicte o compromiso de mellora continua por parte do equipo de profesionais que se ocupan da atención residencial, persoal, psicosocial e sociosanitaria dos usuarios.

0.18019390106201