O xulgado exime ao Concello de Lugo de pagar 15,4 millóns ao promotor do Garañón

LugoXa
O Xulgado número 2 de Lugo rexeitou o recurso interposto contra o Concello de Lugo polo promotor da parcela do Garañón
27 Abr 2023

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo rexeitou o recurso interposto contra o Concello de Lugo polo promotor da parcela do Garañón, no que lle reclamaba 15,4 millóns polos prexuízos que en 2011 lle ocasionaba a paralización da edificación. O recurso ante o xulgado foi presentado en xullo de 2013, despois de que a administración municipal rexeitase a solicitude de responsabilidade patrimonial que presentara en novembro de 2011.

O maxistrado rexeita a pretensión do construtor porque asegura que, en 2011, non concorría “un dano efectivo, avaliable economicamente e individualizado”. Así, salienta que “o que ocorreu nese momento, non posteriormente, ha de incardinarse dentro das marxes do razoable, non sendo a primeira, nin única vez, que ha de retrotraerse un procedemento administrativo por falta dun informe”.

“Se analizamos a situación urbanística a novembro de 2011, ou o estado de execución do convenio, debemos concluír que se operou unha retroacción do procedemento administrativo para solicitar informe á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia que, ulteriormente, resultou negativo, valorando non só a protección dos bens catalogados, sanatorio Portela e Termas Romanas, senón a cualificación do Parque Rosalía de Castro no Plan Xeral de Ordenación Urbana de 2011, publicado en 2012”, indica o xuíz no fallo, no que incide en que, nese momento,  “non concorría un incumprimento do convenio asinado en 2005 por parte da Administración municipal”.

Ademais, advirte que “a suspensión das actuacións entre 2014 e 2020, durante o tempo necesario para que se ditasen tres resolucións do Tribunal Superior de Xustiza, ata que o recorrente instou a súa continuación, non sandan a situación inicial de exercer unha acción de responsabilidade patrimonial de forma precipitada, nun momento en que non concorría un dano real e efectivo, nin un incumprimento substancial do convenio asinado entre as partes”.

A desestimación do recurso, segundo consta na sentenza, non leva aparellada a imposición de costas “tendo en conta que, no ámbito contractual en que nos atopamos, calquera das partes, Concello ou promotor, podía instar a resolución do convenio, vía correcta para solucionar o conflito xerado, non facéndoo, prolongando inxustificadamente unha situación xurídica anómala”. O fallo non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.

Na sentenza o maxistrado explica que, finalmente, “a suspensión da execución da obra operouse como resultado dunha resolución ditada en sede dun proceso de instrución penal, iniciado en 2009 e arquivado definitivamente pola Audiencia Provincial en 2021”. Ademais, sinala que non se debe esquecer a entrada en concurso voluntario do recorrente e a súa empresa promotora en xullo de 2017, hoxe en fase de liquidación. O xuíz tamén destaca que a administración municipal optou, de acordo coa resolución adoptada o 16 de xuño de 2021, por “modificar o réxime urbanístico do polígono e considerar todo o terreo como zona verde, descartando toda a posibilidade de existencia de edificios, vedando xa toda posibilidade de cumprir o convenio asinado co recorrente, á vez que iniciou o expediente de demolición da estrutura da obra construída”.

0.18861699104309