O XXIII Circuíto Larsa Corre con Nós celebra a súa segunda proba este domingo en As Termas

O XXIII Circuíto Larsa Corre con Nós celebrará este domingo, 16 de febreiro, a súa segunda proba no Centro Comercial As Termas, reunindo un total de 2.073 participantes.
A proba disputarase no aparcadoiro superior de As Termas, nun circuíto que combinará tramos de asfalto e terra, con percorridos adaptados a cada categoría.
A proba dará comezo ás 12.00 horas coa categoría Mini (300 metros), seguida polas categorías Sub 10 e Sub 12 ás 12.05 horas (900 metros), Sub 14 e Sub 16 ás 12.15 horas (2.050 metros) e, finalmente, a carreira de adultos ás 12.40 horas, cun percorrido de 4.670 metros.
Como é habitual, os atletas que completen a carreira recibirán, xunto co avituallamento, un vale canxeable pola camiseta oficial do circuíto, dispoñible para a súa retirada entre o 14 de abril e o 17 de maio no punto de información da planta superior do centro comercial.
O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destacou que este evento “segue consolidándose como unha das citas máis importantes do atletismo popular en Lugo, coa implicación de centos de persoas que gozan do deporte en diferentes espazos da cidade”.
O concelleiro subliñou o carácter especial desta edición, que se enmarca dentro do 20º aniversario do Centro Comercial As Termas, entidade colaboradora do evento desde os seus inicios.
A organización confirmou que a proba non afectará á circulación periférica de vehículos na contorna do recinto. O acceso poderá realizarse pola parte inferior, mentres que a saída terá lugar desde o aparcadoiro superior.