O XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural conta con dezasete candidaturas
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2022 rexistrou a presentación dun total de 17 candidaturas na súa vixésima terceira edición, correspondente ao ano 2022. Este premio é un galardón convocado pola USC xunto co grupo empresarial Aresa que está dotado cun premio en metálico de 10.000 euros, ademais de placa conmemorativa.
A Agrupación de Defensa de Sanidade Gandeira Acivo, de Lugo, que ofrece servizos veterinarios para gando ovino e caprino; a empresa familiar Savelo, radicada en Carballo e centrada na fabricación de produtos químicos; CampoLab, un laboratorio multidisciplinar integrado por veterinarios, agrónomos, químicos con sede en Outeiro de Rei, e a Agrupación Apícola de Galicia, unha entidade participada por diversas asociacións de apicultores de diversas localidades de Galicia, concorren neste edición por vez primeira ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.
La abuela Delfina, unha empresa localizada en Triacastela que centra a súa actividades na elaboración de embutidos artesanos, sen colorantes nin conservantes, é outra das novas candidaturas presentadas ao XXIII Premio Aresa, un galardón ao que tamén optan por vez primeira vez a queixería chantadina de vacas de pastoreo Arias Moniz, e Lugar da Veiga, outra empresa tamén asentada en Chantada que é propietaria das galletas mariñeiras ‘Daveiga’.
A agrupación de cooperativas e produtoras agroalimentarias da comarca de Lugo Son de Lugo, a empresa ribadense centrada na comercialización e transformación de produtos vexetais Muiñeiras de Requiande; a gandeiría en ecolóxico Traloagro; a comunidade de montes veciñais en man común de Couso, do municipio pontevedrés de Gondomar; a asociación ecogastronómico Slow Food Compostela, a granxa de insectos Galinsect, unha startup pontevedresa especializada na cría e comercialización de insectos vivos, e a firma luguesa Dos Dog, que fabrica produtos de alimentación para animais de compañía, completan o abano de candidaturas que concorren por vez primeira ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.
A cooperativa de pequenos criadores de Porco Celta Tres Fuciños, con sede no concello de Castro de Rei, e a estratexia para a loita ecolóxica contra a rata toupa promovida polo profesor da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo Pablo Sánchez Quinteiro, e a granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda completan a relacións de candidaturas presentadas á edición 2022 do Premio Aresa, cuxo xurado se reunirá o próximo 31 de xaneiro para valorar todas as candidaturas presentadas e determinar logo a proposta gañadora.