O XXIV Circuíto Corre con Nós inicia a tempada 2026 coa súa carreira nocturna

O XXIV Circuíto de Carreiras Populares Larsa Corre con Nós 2026 comeza unha nova edición o sábado 17 de xaneiro coa súa tradicional carreira nocturna, unha das máis emblemáticas do calendario atlético e punto de encontro de centos de deportistas que elixen iniciar aquí a tempada en Lugo. A saída estará situada nas inmediacións da Praza Horta do Seminario, escenario habitual da primeira proba, cun percorrido curto, rápido e de alta intensidade.
A inscrición segue aberta ata o domingo 11 de xaneiro a través da web oficial www.correconnos.com
, sendo totalmente gratuíta tanto para menores como para adultos. As persoas que completen este proceso quedarán automaticamente rexistradas para todas as probas do circuíto, que se prolongará ata o 14 de xuño. Tal e como subliña o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, “unha das claves do éxito do Corre con Nós é a facilidade para participar: con só facer esta primeira inscrición, cada corredor ou corredora queda anotado para todo o ano, sen ningún custe”.
A falta dunha semana para pechar as inscricións, o circuíto suma xa preto de 1.300 persoas rexistradas, consolidándose como unha das citas populares máis concorridas de Galicia. A previsión é que arredor de 1.000 participantes tomen parte na Nocturna, cifra semellante á do ano pasado, cando se alcanzaron récords de inscrición e asistencia. “Cada edición comprobamos como este circuíto segue medrando: é unha actividade integradora, aberta a todas as idades e condicións físicas, que pon en valor a práctica deportiva e a convivencia nos barrios da cidade”, engade Bustos.
O edil tamén destaca o carácter social do evento, que serve de encontro para familias, escolas deportivas, clubs e afeccionados, permitindo achegar o deporte a miles de persoas durante seis meses. O feito de que sexa gratuíto elimina barreiras e garante a participación de calquera que o desexe.
As persoas inscritas poderán recoller o dorsal os días previos: xoves 15, venres 16 e sábado 17 de xaneiro na tenda colaboradora Ndorfina Sports. Tras a primeira proba, reabrirase o proceso de inscrición para permitir a incorporación de novos participantes.
Durante a tarde do sábado 17, a carreira obrigará a cortes e restricións de tráfico en varias rúas do centro de Lugo, incluídas a avenida Ramón Ferreiro, a Praza de Avilés e a avenida Rodríguez Mourelo, entre as 17:30 e as 19:30 horas. O Concello recomenda planificar con antelación os desprazamentos para garantir a seguridade da proba.