O XXIX Festival de Teatro Universitario dará comezo o 17 de abril
Cinco compañías universitarias presentarán no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo outras tantas producións artísticas do 17 ao 22 de abril no marco da vixésimo novena edición do Festival de Teatro Universitario que terá como colofón o obradoiro participativo Le Salón des Refusés, impartido do 21 ao 23 de abril por Miss Beige no Pazo de Montenegro.
As representacións teatrais, a cargo das compañías USC-Lugo e USC-Santiago, Vaites Vaites, Maricastaña, da Universidade de Ourense e grupo El Mayal, de León, o comezarán todas a partir das 20.30 horas e e son de acceso libre e gratuíto para todas as persoas interesadas.
A compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Andrea González, abrirá o 17 de abril a quenda de representacións do XXIX Festival de Teatro Universitario coa estrea da peza
Eréndira e Aríndere. O grupo Maricastaña, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, dirixido por Fernando Dacosta, presentará o día seguinte no Gustavo Freire a obra As cidades agochadas.
O festival de teatro universitario de Lugo mundará de escenario o día 20, cando está previsto que a compañía do IV Ciclo da USC Vaites Vaites, dirixida tamén por Andrea González, represente no auditorio da Casa do Saber Antígona. Negar a terra aos mortos e negar a humanidade.
As funcións Los días perdidos, a cargo da compañía Teatro el Mayal, que dirixe Javier R. de la Varga, e Observacións sobre a felicidade (composición e manexo), posta en escena no auditorio Gustavo Freire pola compañía de teatro USC-Santiago, que dirixe Roberto Salgueiro, completarán os días 21 e 22 de abril, respectivamente, a quenda de
representacións programadas no marco do XXIX Festival de Teatro Universitario.
O programa desta xa tradicional cita da vida cultural da cidade amurallada inclúe asemade un amplo abano de actividades complementarias, entre as que cómpre destacar un pase da compañía de teatro USC Lugo, dirixida por Andrea González, que ofrecerá o 18 de abril, ás 10.30 horas, un pase da obra Eréndira e Aríndere para alumnado de institutos de ensino secundario que reserven a entrada antes do próximo xoves día 13 a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es .