Obradoiros de astronomía, rutas e campamentos nas reservas dos Ancares e Terras do Miño
A Deputación de Lugo ten aberto o prazo de inscrición para participar no novo programa de actividades gratuítas que organiza co obxectivo de fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola institución provincial. O novo calendario inclúe en total 13 propostas con máis de 230 prazas para todos os públicos, que se desenvolverán no terceiro trimestre do ano, do 1 de xullo ao 27 de setembro.
As actividades na Reserva Terras do Miño comezarán na Escola de Piragüismo cunha actividade para familias con nenos e nenas de máis de 7 anos: Coñecendo o río na reserva da biosfera. Terá lugar os días 1, 2, 3, 4 e 5 de xullo en horario de 10.00 a 14.00 horas e 20 prazas dispoñibles. O Obradoiro ReCreacións reutilización de recursos celebrarase os días 8, 9, 10, 11 e 12 de xullo.
Haberá 15 prazas para nenos e nenas a partir de 8 anos e un horario de mañá entre as 10.00 e as 14.00. Esta actividade desenvolverase no Centro de Interpretación Terras do Miño. Ademais, o Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá do 2 ao 6 de setembro, no mesmo horario, Os nosos polinizadores, un obradoiro no que poderán participar 12 nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. Os días 14 e 15 de setembro, terá lugar o taller Aprendendo Carpintería.
Obradoiro floral
Desenvolverase no Centro de Interpretación Terras do Miño e haberá 15 prazas a disposición de nenos e nenas de entre 8 e 12 anos. Viaxando polos ríos de Lugo terá lugar os días 17, 18, 19 e 20 de setembro en horario de 16.00 a 20.00 horas. Celebrarase no Centro de Interpretación Terras do Miño e haberá 25 prazas a disposición dos adultos e familias. Os adultos poderán participar nun obradoiro sobre Técnicas básicas de arte floral, que se celebrará do 23 ao 27 de setembro, entre as 10.00 e as 14.00 horas. Terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño e haberá 12 prazas dispoñibles.
As actividades na Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá arrancarán na Antiga Escola de Piornedo, de Cervantes, cunha xornada sobre os Cárabos e Estrelas: Ceo e biodiversidade que se celebrará o 20 de xullo. O horario será de 19.00 a 00.00 e haberá 15 prazas para todos os públicos. Esta actividade repetirase no concello de Becerreá o 31 de agosto co mesmo número de prazas e horario, neste caso o punto de encontro será a Ponte de Cruzul.
Campamento e obradoiros astronómicos
Navia de Suarna acollerá na Escola de Barcia un Campamento medioambiental os días 19, 20, 21, 22 e 23 de agosto en horario de 10.00 a 14.00 horas. Está destinado a nenos e nenas entre 3 e 12 anos e hai dispoñibles 20 prazas. O 31 de agosto terá lugar en Cervantes o obradoiro Coñeceremos o ceo, no Comeal. O horario será entre as 23.00 e as 03.00 horas. E hai 20 prazas destinadas a todos os públicos. Astronomía e patrimonio é o obradoiro que se celebrará en Navia de Suarna o 1 de setembro. Haberá 20 prazas destinadas a todos os públicos e a actividade terá lugar na Casa de Quindós, en Vilela, entre as 23.00 e as 03.00 horas.
Desde a Praza do Concello de Becerreá, o 7 de setembro, partirá unha ruta pola reserva da biosfera en horario de mañá, desde as 10.00 e ata as 14.00 horas. Unha actividade para todos os públicos e para a que haberá 20 prazas dispoñibles. As actividades finalizarán en Cervantes cunha xornada de Supervivencia na montaña os días 14 e 15 de setembro. O día 14 esta actividade terá lugar en horario de 10.00 a 20.00 horas e o día 15, entre as 09.00 e as 19.00 horas. O punto de partida será o Edificio de Servizos Múltiples e haberá 24 prazas para adultos.
As persoas interesadas poden anotarse xa a través das diferentes canles dispoñibles, chamando ao número de teléfono 982 305 930 e 982 227 812, enviando un correo electrónico a und.medioambiente@deputacionlugo.org no caso das actividades de Terras do Miño e ancareslucenses@deputacionlugo.org para as actividades que se desenvolven na Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Tamén hai un espazo virtual habilitado na páxina web da Deputación de Lugo.