Obradoiros, desafíos e moita música, no programa de Samaín de Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo presenta a programación do Samaín 2024, unha das festas máis emblemáticas do outono galego
samain-lugo-progrmaa
24 Out 2024

O Concello de Lugo presenta a programación do Samaín 2024, unha das festas máis emblemáticas do outono galego, que desenvolverá a través da Área de Xuventude. “O equipo de Xuventude traballa ano tras ano para ofrecer un programa cada vez máis completo, que une a conservación das nosas tradicións coas novas formas de entender o entretemento,” explicou Jorge Bustos, destacando que as actividades, dirixidas principalmente á mocidade, están deseñadas para que toda a veciñanza poida desfrutalas.

A programación dará comezo o 28 de outubro coa actividade "Moda arrepiante e caras de medo", un obradoiro de decoración e maquillaxe de disfraces que se celebrará ata o 31 de outubro, na Casa da Xuventude, de 17.00 a 19.00 horas, dirixido á mocidade que queira achegarse ao espírito do Samaín. O día 30 de outubro terá lugar o Obradoiro Monster Chef na Casa da Xuventude, onde os participantes crearán pratos inspirados no Samaín, de 17.00 a 19.00 horas.

O día central será o 31 de outubro, cando o centro histórico de Lugo se converterá no escenario de múltiples actividades que comezarán ás 19.00 cunha animación polas rúas, baixo o título "Susto, nin truco nin trato". Ás 21.00 celebrarase o Rastrexo dos Espíritos, dirixido a mozas e mozos maiores de 16 anos, que deberán superar desafíos polas rúas da cidade para optar a premios, como entradas a espectáculos e vales de 100 euros. A partir das 22.00 horas, os tambores da Santa Compaña percorrerán o casco histórico, e ás 23.30 terá lugar a Noite de voces fantasmais, cun concurso musical na Praza Maior que tamén entregará premios aos mellores participantes.

Finalmente, o 1 de novembro estará dedicado aos máis pequenos coa celebración do Samaín Infantil na Praza de Abastos. A xornada incluirá un concurso de baleirado e tallado de cabazas, onde os nenos e nenas poderán deixar voar a súa imaxinación decorando as súas propias cabazas. Ademais, haberá xogos tradicionais relacionados coa temática do Samaín, pensados para divertir e ao mesmo tempo achegar aos máis novos á tradición galega. A tarde culminará cun acto purificador, no que se mesturará o simbolismo ancestral desta festividade coa diversión. As actividades desenvolveranse entre as 16:30 e as 20:30 horas, con prazas limitadas, dispoñibles ata esgotar as cabazas.

Ademais, levarase a cabo unha decoración especial en varios puntos da cidade, destacando o palco da Praza Maior, que será engalanado para a ocasión, creando unha atmosfera única para a celebración. “Queremos que a mocidade de Lugo teña un Samaín especial, con actividades participativas e seguras que lles permitan desfrutar ao máximo desta festa tan singular,” afirmou Jorge Bustos, recordando que todas as propostas son de balde, con inscrición previa dispoñible na páxina web.

0.19230794906616