Obradoiros, xogos, cursos e conferencias para conmemorar en Lugo o Día da muller e da nena na ciencia

A Concellería de Muller e Igualdade de Lugo conmemorará o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia cun amplo programa de actividades que inclúe obradoiros, xogos educativos, cursos, exposicións e conferencias, cun enfoque centrado na educación, na divulgación e na promoción da igualdade.
A iniciativa busca romper estereotipos, fomentar vocacións científicas, cuestionar os roles de xénero asociados a estas profesións e visibilizar o papel das mulleres que foron e son referentes no ámbito científico, segundo explicou a responsable da área municipal, Ángeles Novo.
Unha das liñas principais do programa serán os obradoiros infantís dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 11 anos, que se desenvolverán os días 11 e 12 de febreiro no Centro de Convivencia Maruja Mallo e na aula do Aprende Xogando do Parque da Milagrosa. Nestes talleres empregarase o xogo con pezas de lego como ferramenta educativa para achegar a figura de mulleres científicas, traballar a igualdade de oportunidades, romper estereotipos e fomentar o pensamento crítico e o traballo en equipo desde idades temperás.
O programa inclúe tamén unha exposición de debuxos e collage realizados por escolares, que se presentará o día 11 nas instalacións do Cei-Nodus e poderá visitarse durante un mes. A mostra amosará a visión da infancia sobre o que representa unha muller científica e contribuirá a dar visibilidade á súa presenza no ámbito da ciencia. Ademais, o vindeiro día 10 celebrarase un curso de gastronomía de tempada sen glute no restaurante Os Cachivaches, organizado en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia.
Outro dos eixos destacados da programación é o traballo coordinado cos centros educativos. Neste marco levarase a cabo o reparto do xogo de cartas “cientificartas” e do libro complementario en colexios e institutos da cidade. O xogo está composto por 33 cartas dedicadas a científicas de distintas épocas e disciplinas, con información básica sobre a súa traxectoria, e complétase cun libro que recolle as biografías destas investigadoras.
Dentro deste ámbito educativo tamén se celebrará unha charla da científica lucense Cintia Folgueira, que terá lugar o día 11 pola mañá no salón de actos da Deputación de Lugo e á que se convidará alumnado de 3º e 4º da ESO dos institutos da cidade. Para Ángeles Novo, estas actividades permiten achegar referentes próximos ao alumnado e combater a idea de que a ciencia é algo alleo ou distante, poñendo en valor o feito de que desde Galicia se lideran importantes avances científicos.
A edil salientou especialmente o papel de Cintia Folgueira, investigadora e bióloga lucense que desenvolve o seu traballo no Centro Nacional de Investigación Cardiovascular e no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, e que se converteu nun referente nacional e internacional polos seus descubrimentos no ámbito da diabetes e da obesidade.
No caso dos obradoiros con lego, diferenciaranse dous grupos de idade, cun primeiro máis lúdico e narrativo para nenas e nenos de 6 a 11 anos, centrado na exploración visual e na construción creativa, e outro para rapazas e rapaces de 9 a 11 anos cun enfoque máis técnico orientado á resolución de problemas. En total celebraranse catro sesións de 90 minutos repartidas entre os dous espazos municipais.
Para participar no curso de cociña sen glute, que terá lugar o día 10 ás 17:30 horas, será necesaria inscrición previa debido a que as prazas son limitadas, podendo realizarse ata o día 9 no correo electrónico cmuller@lugo.gal. Tamén está aberto o prazo de inscrición para os obradoiros infantís, que se xestionará a través do enderezo igualdade@lugo.gal.