Obras de mellora na dársena da estación de autobuses
A dársena da estación de autobuses de Lugo está a recibir obras de mellora a cargo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade por un valor de 47.600 euros. Estes traballos están orientados a mellorar a estética e a funcionalidade deste espazo.
No que respecta á dársena, está previsto que o luns se comece a pintar tanto a fachada como os portalóns de acceso á estación, mantendo a cor actual. Ademais, instalaranse novos bancos, en disposición continua ao longo da fachada, elaborados con madeira de orixe local, cunha estrutura sinxela e unha imaxe global neutra e unificada; e incluiranse plantas ornamentais.
Igualmente, acometeranse algunhas reformas e reparacións puntuais, como a substitución dun colector de saneamento e dalgúns vidros, e o pintado dos bordos das dársenas de cor amarela.
Estes traballos de mantemento e rehumanización teñen como obxectivo ofrecer unhas instalacións que dean resposta ás necesidades dos usuarios da estación cunha estética máis moderna e coidada.