Oda a Rosalía
Por Rebeca Maseda
Co seu xordo e constante mormorío
atraim’ o oleaxen dese mar bravío,
cal atrai das serenas o cantar.
–Neste meu leito misterioso e frío,
dime, ven brandamente a descansar.
El namorado está de min..., o deño,
i eu namorada del.
Pois saldremos co empeño,
que s’ el me chama sin parar, eu teño
unhas ansias mortais d’ apousar nel.
A primeira vez que lin este poema provocou en min emocións que non sei explicar. Souben desta xoia grazas a César Morán -bo amigo e artista integral-, quen coa súa mestría e sensibilidade uniu versos e música nunha sinerxía tan perfecta que o propio poema adquiriu outra dimensión. Basta con lelo unha soa vez para percibir a súa forza dramática e expresiva. O certo é que irradia beleza a esgalla ata nos sentimentos máis sombríos. Como metamorfosear ideas de morte e suicidio con semellante fermosura...!?
Esta marabilla foi escrita por Rosalía de Castro e forma parte do seu libro “Follas Novas”, publicado en 1880. Esta obra mantén certa dimensión popular como acontece en “Cantares gallegos” e avanza en varios aspectos da épica galega da emigración, agora centrada totalmente nas mulleres (viúvas de vivos e mortos), pero especialmente tamén no mundo interior e subxectivo, onde reinan motivos coma o da negra sombra. A metapoesía e as posicións sociais avanzadas complementan unha obra de total radicalismo.
Para Galicia, Rosalía é algo máis ca unha escritora. Xeración tras xeración, a súa figura é un referente que está por riba de ideas e xeografías. Ningunha outra figura literaria, cultural ou política nos une tanto arredor do sentimento de pertenza á nosa terra. Ela xerou innumerables páxinas, imaxes, cancións… Sen dúbida, unha das máis representativas visións da nosa autora
foi a dada por Curros neste célebre poema: “Do mar pola orela / mireina pasar / na frente unha estrela / no bico un cantar”.
O debuxo dos seus perfís foi variando ao longo da historia, como variaron e evolucionaron as revisións estéticas, literarias e sociais do proxecto que ela mesma encabezou. A canonización inicial elevouna como santa e nai, nai sufridora das penas propias e das alleas, “mater” protectora, santiña dos altares do pobo. Posteriormente, arredor da poeta intimista, da poeta da sombra, da soidade, da dor e da angustia, escúlpese unha nova Rosalía, desvinculada do folclore e do mundo popular. É a Rosalía profunda, metafísica, filosófica, existencial: a Rosalía da saudade. Máis tarde -arredor do Congreso Internacional de 1985- xestáronse novas perspectivas sobre a súa obra: a Rosalía patriótica e social, a dos oprimidos, a feminista… Hoxe as novas achegas desde a análise da paisaxe, as estratexias discursivas, a utilización dos cantares populares, os espazos simbólicos de transgresión e resistencia, o suxeito literario e político, a narrativa, etc. fannos ver que Rosalía de Castro resulta inesgotábel. Rosalía sempre falará, como os grandes escritores.
Para rematar a miña pequena oda a Rosalía e tendo en conta que se aproxima o 8M, quixera compartir algunhas perlas de sabedoría que nos regalou esta extraordinaria muller:
“Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre...” (Lieders, 1858).
“Decid que queréis vernos esclavas y no compañeras vuestras; decid que de un ser que siente y piensa como vosotros queréis hacer unos juguetes vanos, unas máquinas que, a medida de vuestro deseo, estén alegres...” (Flavio, 1861).
“Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas; como los árabes en el desierto y el pirata en la mar...” (Lieders, 1858).
“Arriba / todas, rapaciñas do lugar!, / que o sol / i a aurora xa vos vén a dispertar...” (Cantares gallegos, 1863).
Que en tempos de guerra, Rosalía sempre nos acompañe.