Olalla Rodil anuncia que o BNG retomará a rehabilitación do barrio da Tinería
A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, presentou as iniciativas do BNG en materia de vivenda nun acto público no barrio da Tinería as propostas do BNG en materia de vivenda, ademais das propostas específicas para este barrio. Rodil afirmou que é sorprendente que “cada vez que chega unha campaña electoral o Partido Popular lembre a Tinería, cando en 15 anos de Goberno o único que fixeron foi paralizar un proxecto necesario para o centro da cidade".
Olalla Rodil afirmou que a situación de parálise da Tinería é “un exemplo do que o PP fixo coa vivenda pública desde o goberno da Xunta". Nos últimos 7 anos só se construíron 21 vivendas públicas, "o que converteu un dereito fundamental como é a vivenda nun negocio que impide que a mocidade poida iniciar un proxecto de vida autónomo".
En todo Galicia existen aproximadamente medio millón de vivendas baleiras que, nestes momentos, non están sendo empregadas e, “para o BNG, é prioritario mobilizar a vivenda baleira e impulsar unha Lei Galega de vivenda que a converta nun dereito”. Concretamente, 90.000 vivendas baleiras están concentradas nas grandes cidades. O BNG propón aumentar en 12.000 vivendas o parque público actual ao longo dos próximos oito anos, principalmente a través dun plan de compra masiva de vivenda baleira para poñer no mercado en réxime de aluguer a prezos limitados.
Rodil anunciou que o BNG, desde o goberno da Xunta a partir do 18 de febreiro, poñerá en marcha un plan de mobilización de vivenda pública, adquirindo vivendas baleiras e poñéndoas en aluguer con prezos asequibles. "isto permitirá garantir unha vida digna á mocidade e aos colectivos vilnerables", afirmou Olalla Rodil, que engadiu "en Lugo continuaremos coa rehabilitación da Tinería e a posta a disposición das distitnas vivendas deste barrio, continuando co plan iniciado no 2005 e paralizado polo PP".