Olalla Rodil cuestiona a falta de iniciativa da CRTVG para emitir partidos do Breogán na Liga ACB

LugoXa
A deputada do BNG alerta sobre a perda dunha oportunidade que outras televisións públicas xa aproveitaron
BNG-Pazo-dos-Deportes-Breogán
23 Oct 2025

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, criticou a inacción da CRTVG ante a posibilidade de adquirir os dereitos de emisión dos partidos do Club Baloncesto Breogán na Liga ACB para a Televisión de Galicia.

Segundo explicou, co recente traspaso dos dereitos de emisión da ACB de Movistar Plus a DZN, abríase unha xanela de oportunidade que outras televisións públicas, como TVE e especialmente TV3, souberon aproveitar. A última conseguiu emitir 34 partidos en aberto da próxima tempada, incluídos 16 derbis entre os cinco equipos cataláns da competición.

En cambio, a CRTVG non mostrou interese en explorar esta posibilidade nin en establecer contactos, a pesar de que o Breogán é o único representante galego na máxima categoría do baloncesto español. "Soubemos que chamaron ao club para ver se lles podían pasar os contactos, pero realmente era un pouco tarde porque xa estaba todo máis ou menos cerrado", afirmou Rodil.

A deputada lembrou que a TVG xa emitiu partidos do Breogán no pasado, así como de Obradoiro e incluso da NBA, demostrando que é viable. Recoñeceu as dificultades económicas e o "disparate" do mercado de dereitos deportivos, mais insistiu en que non se lle está a pedir á Corporación que arruíne as súas contas, senón que mostre o mesmo interese e faga un esforzo proporcional ao que realiza por outras modalidades, como o fútbol, do que a TVG emite numerosos partidos de distintas categorías.

Rodil destacou tamén o valor do Breogán non só para Lugo, senón para toda Galicia, como equipo histórico que actúa como "embaixador" do país e xera unha forte cohesión social e identitaria.

⚙ Configurar cookies
0.074811935424805