Olalla Rodil denuncia a falta de cobertura sanitaria en Cervantes e critica a inacción do PP

A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, criticou duramente a inacción do PP ante a situación sanitaria que afronta a veciñanza de Cervantes, tras o rexeitamento á cobertura permanente das dúas prazas de persoal facultativo no centro de saúde de San Román e á restitución da atención no consultorio de Doiras.
Dirixíndose á deputada do PP e concelleira en Cervantes, María Encarnación Amigo, Rodil recriminou que “sabe perfectamente” da situación que está a sufrir a veciñanza e que “non fixeron absolutamente nada”, máis aló de prometer en outubro que se restituiría todo. A deputada nacionalista instou ao PP a non seguir “engañando á xente” con promesas incumpridas, como a reapertura do consultorio de Doiras ou o despregue do programa de enfermería a domicilio do Sergas “Ariadna”.
A proposta do BNG para cubrir as prazas foi tombada polos votos en contra do PP, tras rexeitar a súa emenda condicionada á dispoñibilidade de médicos. Rodil explicou que en ano e medio o concello pasou de contar con dous médicos e unha enfermeira en San Román e un médico e unha enfermeira en Doiras a depender dunha única médica e dunha enfermeira para todo o municipio, que atende a 945 pacientes. No caso de Doiras, o consultorio pechouse en verán de 2024 e, á reapertura, só presta atención dous días á semana.
A deputada advertiu que esta situación compromete a calidade, accesibilidade e proximidade da sanidade, xa que moitas persoas deben percorrer máis de 20 km para recibir asistencia, sen transporte público e dependendo de vehículo propio, de veciños ou de taxis. “Cervantes non é Lugo nin Santiago”, recordou, subliñando que se trata dun concello de alta montaña con 277,63 km² e unha poboación media de 60 anos, onde a proximidade e a accesibilidade sanitaria “brilla pola súa ausencia”.
CONTESTACIÓN DO PP
A portavoz de Sanidade do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Encarna Amigo, asegurou que non é certo que a Xunta estea reducindo a asistencia sanitaria no concello de Cervantes nin que o centro de saúde de San Román de Cervantes quede cun único facultativo. Segundo afirmou, as informacións difundidas polo Bloque Nacionalista Galego responden a un “relato interesado de desmantelamento” da sanidade pública galega.
Durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento galego, a deputada popular explicou que no centro de saúde de San Román non se suprimiu ningunha praza médica. Indicou que a situación actual responde ao traslado dun dos facultativos a outro destino que elixiu voluntariamente, o que provocou unha vacante temporal. Con todo, subliñou que esa praza continúa formando parte da estrutura do centro sanitario.
No relativo á atención sanitaria en Doiras, que de maneira provisional está a centralizarse en San Román, Amigo asegurou que a asistencia está garantida. Explicou que a prioridade da Consellería de Sanidade é cubrir de forma estable esa segunda praza e que, no momento en que exista un profesional dispoñible, a atención en Doiras recuperará a situación previa.
A parlamentaria insistiu en que non existe ningún peche estrutural nin desapareceron as dúas prazas médicas do centro de saúde de Cervantes. Ademais, lembrou que a praza de medicina de familia de San Román se está ofertando en todos os chamamentos que realiza o Servizo Galego de Saúde para cubrir vacantes en Atención Primaria e que tamén se incluirá nos próximos procesos selectivos.
Durante a súa intervención, Amigo criticou o que cualificou como “relato de abandono” por parte do BNG. Ao seu xuízo, unha cousa é recoñecer as dificultades existentes para cubrir prazas médicas no rural e outra distinta falar de desmantelamento cando, segundo defendeu, non se está producindo. Neste sentido, lamentou tamén que o grupo nacionalista rexeitase aceptar unha emenda de adición presentada polo Grupo Popular que pretendía apoiar o mantemento das dúas prazas de facultativos cando sexa posible cubrirlas.
A deputada popular lembrou tamén que a falta de médicos de familia, especialmente en zonas rurais, responde a un contexto xeral derivado da planificación estatal dos últimos anos. Por iso, reclamou ao Goberno central medidas estruturais para reforzar o sistema sanitario público, entre elas a axilización da homologación de títulos de médicos estranxeiros, o incremento do número de prazas MIR e a posibilidade de ampliar de maneira voluntaria a idade de xubilación dos profesionais sanitarios.