Olalla Rodil denuncia a situación na residencia de San Antonio de Padua de Lugo
Olalla Rodil, en representación do BNG, pediulle á Xunta de Galiza que esixa á empresa concesionaria, a Fundación Fesán, que reforce o cadro de persoal na residencia de San Antonio de Padua para garantir a máxima calidade asistencial en todas as quendas, especialmente na noite.
Ademais, di, é imprescindible reformar a normativa que regula as rateos de persoal que se rexe por unha Orde de 1996, de hai vinte e oito anos. "Non se axusta á realidade actual".
Foron familiares das persoas usuarias quen alertaron ao Bloque Nacionalista Galego do que está a acontecer na residencia San Antonio de Padua, en Lugo, inaugurada hai apenas uns meses. "Segundo nos contan e como puidemos comprobar, na quenda de noite só hai dúas persoas traballadoras para atender as 85 residentes que viven actualmente na residencia, das cales 60 son grandes dependentes. Para atender todas as persoas usuarias dispoñen de 6 xerocultoras na quenda de mañá e 5 na de tarde así como dúas enfermeiras. Na quenda de noite o persoal redúcese a apenas dúas persoas para atender todas as persoas usuarias", explican os nacionalistas.
“O PP cre, realmente, que se pode garantir unha boa calidade asistencial con este persoal tan reducido?", pregúntase a deputada nacionalista. "Mais a escaseza de persoal non afecta só á atención directa, tamén a outros servizos esenciais como a cociña e a limpeza. Na cociña só hai unha persoa cociñeira e unha axudante por quenda que deben facer o xantar para todo o centro residencial. A limpeza e lavandería aténdena, conxuntamente, dúas únicas persoas. Este é un cadro de persoal absolutamente insuficiente que deixa unha rateo de 14 persoas por xerocultora para atender todas as súas necesidades básicas", denuncian.
Desde o BNG pregúntanse "se este é o modelo de coidados que defende o Partido Popular, privatizar servizos públicos para deixalos en mans de entidades que tiran á baixa os prezos". Desde logo, “para o Bloque Nacionalista Galego a atención das persoas maiores e dependentes é unha cuestión de dereitos fundamentais que debe garantirse a través de servizos públicos da máxima calidade”, conclúe Olalla Rodil.